A compañía ourensá Sarabela Teatro estreará esta fin de semana no Auditorio a súa nova montaxe: “Crónicas do Paraíso”. Haberá dúas sesións (o sábado 21, ás 21h e domingo 22, ás 20h).
“Crónicas do paraíso” é unha versión libre de ”As Crónicas do Sochantre” de Álvaro Cunqueiro. A trama orixinal de Cunqueiro sirve para dar forma a unha nova estructura narrativa habitada polo universo do crime. Manténse a liña xeral da historia do Sochantre de Crozon que a cambio de exercer as súas funcións musicais no funeral do fidalgo de Quelven recibirá deste un pomar de agasallo.
Un grupo de 5 personaxes interpretados por tres actrices e dous actores viaxa cara ao funeral do fidalgo de Quelven. Durante aproximadamente unha noite e un día, o tempo que dura a acción, confúndese a morte coa vida e o drama coa comedia.
A obra estrearase na cidade de Ourense e logo iniciará unha xira que a levará por diferentes cidades. As entradas, desde 5 euros, pódense adquirir na páxina web www.ataquilla.com, na sala de Exposicións Afundación e na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función.