A Xunta colabora co pequeno comercio con esta iniciativa.

Chega a Galicia o Comercio 360

Desde mediados deste ano o pequeno comercio galego conta cun aliado máis grazas á Xunta de Galicia: Comercio 360. Trátase dunha aposta pola dixitalización, a economía circular e o produto local.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, activouna este ano para dar resposta aos cambios que a dixitalización e os novos hábitos de consumo están introducindo no sector. Deste xeito, adáptase e anticípase ás novas demandas e necesidades dos cidadáns, cun claro obxectivo: poñer ao ao consumidor no centro de todas as decisións mellorando a competitividade do comercio local.

Del Mar al plato (Borja e Elena son os fundadores) é a imaxe que ilustra esta noticia é unha das empresas que se benefician do  Comercio 360. Ademais lograron o Premio Comercio de Galicia 2018.

Impulso ao comercio
Con anterioridade creouse o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio 2015-2020, o cal prevía actuacións encamiñadas á modernización do sector comercial. Iso supuxo a posta en marcha dunha axuda específica o ano pasado. Grazas a este plan chegouse ás 487 axudas concedidas sumando todas elas preto de 2,37 millóns de euros, permitindo a mobilización final de investimentos que superan os 4,7 millóns.
Comercio 360 ven substituír ao anterior concepto SmartCommerce creado no Plan de Impulso ao Comercio Interior de Galicia 2015-2020. A iniciativa presenta unha estratexia máis global, fronte a anterior que facía referencia a aspectos máis dixitais, que potencia a sustentabilidade, a aposta polo produto local, a creación de marca vencellada ao territorio e un novo concepto máis amplo de comerciante que inclúe tamén aspectos como o deseño ou a fabricación de produto propio.

Propostas
Para esta medida, que ten unha visión a tres anos (2019-2021), destínanse 5,7 millóns este mesmo ano para avanzar na dixitalización para mellorar a atención e experiencia do cliente, á vez que pon en valor a aposta polo produto local, a sustentabilidade e a economía circular, a responsabilidade social ou o deseño, facendo que estes sexan os seus elementos de diferenciación e especialización.
As primeiras decisións, para esta primeira fase, foron as de poñer en funcionamento medidas de sensibilización, axudas para a ecoinnovación e laboratorios comerciais. A Consellería de Economía, Emprego e Industria xa ten comezado o labor de sensibilización e divulgación do Comercio 360 coa realización de xornadas e a análise de casos de éxito.

Tícket dixital
Unha liña de axudas á ecoinnovación impulsa a economía circular e a sustentabilidade no comercio a través da adhesión á plataforma de tícket dixital. Isto permitirá aos clientes e comercios coñecer o estado e garantía das súas compras ou vendas evitando a perda ou deterioro do tícket tradicional e minimizando o uso do papel. Ademais promoveranse ecoenvases realizados con materiais cen por cen biodegradables e implantará proxectos que fomenten a reciclaxe e os produtos ecolóxicos.

Outras novidades
Outra das novidades será a creación de sete laboratorios comerciais nas principais cidades galegas para asesorar e potenciar o Comercio 360, achegando aos interesados servizos personalizados de mentoring, comunicación e publicidade, marketing intelligence ou mellora da xestión, entre outros.
Este proxecto créase para ofrecer aos establecementos unha folla de ruta para conseguir un comercio diverso, moderno e adaptado ás novas realidades –reforzando tanto a súa imaxe física como dixital– e servizos. Ideado para pemes de menos de 10 traballadores, enmárcase na estratexia de impulso á competitividade do comercio de proximidade. Isto permitirá, ademais, dinamizar tamén os centros urbanos das cidades e vilas galegas para facelos máis atractivos aos cidadáns, turistas e visitantes.
En definitiva, a Xunta márcase tres obxectivos prioritarios coa posta en marcha desta iniciativa: lograr que 10.000 comercios galegos se sumen a esta estratexia 360; que máis de 1.000 comercios se beneficien dos servizos de asesoramento; e que 5.000 comercios incorporen no seu modelo de xestión a aposta pola sustentabilidade e o tícket dixital.