Máis de 50 locais participarán da festa da gastronomía local e dos produtos de tempada no 12º Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Outono, do 7 ao 17 de novembro.
Nesta edición participarán 53 establecementos -2 máis que en 2018 e 7 máis que en 2017-, dos que 12 fano por primeira vez. A maioría están concentrados na zona dos Viños e no Ensanche, aínda que o barrio da Ponte aparece como alternativa para unha escapada culinaria con 4 locais do outro lado do Miño. O importe máximo dos pinchos será 2,50 euros.
Entre as tendencias desta tempada nos menús destacan as distintas variedades de carnes brancas (parrulo, polo, pavo…); predominan receitas como lasañas, croquetas e espetos; e por primeira vez os bolos recheos lle fan a competencia ás torradas de porco, un clásico da do concurso. A modo de “sorpresa”, haberá varios varios pinchos para comer con culler.
Toda a información sobre locais e pinchos pode consultarse na web específica habilitada dentro da portal da Concellería de Turismo, no enderezo http://saboresdeourense.turismodeourense.gal/.
Premios
O pincho gañador do 1º Premio do Xurado desta edición será o representante de Ourense no concurso autonómico De Tapas por Galicia, organizado pola Axencia de Turismo de Galicia. Ourense, representada por A Feiriña, foi a cidade gañadora da edición anterior deste evento.
Os premios oficiais do concurso son os tres outorgados polo xurado profesional, os tres concedidos polo público e o Premio Pincho Celíaco, pola delegación ourensá da Asociación Galega de Celíacos, ao que optarán todos os pinchos que non empreguen glute na súa elaboración (14 nesta edición). O público que deposite o seu voto (debidamente cuberto con selos de tres locais distintos) nas urnas colocadas nos establecementos participantes entrará no sorteo de distintos agasallos cos que se premiará a súa fidelidade.
Premio especial do Ribeiro
Haberá premios para os consumidores que mariden o seu pincho cun viño do Ribeiro.