Quen vaia estes días polo paseo das Ninfas darase conta de que algo vai pasar na cidade. Normalmente o número de persoas que adestran na ribeira do Miño é grande, pero a escasos días de que chegue unha nova edición da San Martiño a proporción aumenta exponencialmente. Aos habituais que adestran nesa zona durante todo o ano súmanse os que teñen en vermello a cita do 17 de novembro e durante unhas semanas calzan as “zapas” para preparar a carreira da súa cidade. Porque a San Martiño é unha carreira distinta, na que os asiduos a probas populares mestúranse cos que soamente participan nesta proba. Unha cita para superarse, para demostrar que estamos en forma, para gozar, para que te animen familiares e amigos e para animalos tí a eles. En definitiva, un día que milleiros de ourensáns agardan con impaciencia. Pero non só os ourensáns a teñen como cita imprescindible, moitos galegos e de fóra da nosa comunidade participan nesta na decana de todas as carreiras que se celebran en Galicia. E é que este ano, concretamente o domingo 17 de novembro, a pedestre do San Martiño chega a súa 43ª edición. E faino con 10.894 inscritos de todas as idades.
Se falamos de favoritos, no 10k, volve a emerxer a figura do atleta local, Alejandro Fernández. O do Ourense Atletismo vén de vencer en Negreira sobre a mesma distancia cun tempo de 29:29 polo que será dificil que algún dos seus rivais lle quite a vitoria en terras ourensás.
Desta cifra, 3.510 participarán na proba absoluta; 2.787 farano na proba escolar (nados entre 2007 e 2002); os cativos (nados entre 2011 e 2018) son 2.294 os inscritos; e finalmente, na carreira inclusiva hai anotados 2.303 participantes.
Cortes de tráfico
O dispositivo de tráfico deseñado para a proba prevé que os cortes de tráfico se realicen en 3 etapas:
– Desde as 5.00: Pardo de Cela, Ponte do Milenio, Glorieta Nexus 6 e accesos.
– Ás 9.00 Avenida de Castelao e Avenida de Zamora
– Ás 10.00, o resto do circuíto: Xesús Pousa, Praza da Estación, Caldas, Progreso, Tras Alameda, Dr. Fleming, Ervedelo, Avda. Portugal, Marcelo Macías, Avda. de Zamora, Bonhome, Galicia, Fernández Oxea, Lugo, Padre Feijoo, Colón, Moratín, Bispo Carrascosa, Praza Maior, Lamas Carvajal, Paseo, Curros Enríquez, Habana, Cardenal Quevedo, Rodríguez Castelao, Otero Pedrayo, Curros Enríquez, Ponte Nova, Avda. de Marín, Vicente Risco, Francisca Herrera, Avda. Santiago.
O Concello solicita desculpas polas molestias que vaian ocasionar estas restriccións de tráfico, que resultan imprescindibles para o desenvolvemento da carreira, referente do atletismo popular en Galicia, e que suma máis de 10.894 persoas inscritas para esta edición.
A Policía Local recoméndalle a quen teña que conducir esa mañá que utilice itinerarios alternativos nos seus desprazamentos, a través dos barrios de Peliquín, O Polvorín e San Francisco, a rúa Alfredo Brañas, a Ponte Ribeiriño e Salto de Velle, en función da ruta que deban seguir.
Horarios
A carreira absoluta mantén o percorrido de anos anteriores con 10.000 metros homologados polas rúas da vella Auria. Con saída desde a ponte do Milenio e remate en Pardo de Cela (fronte ao pavillón dos Remedios). A saída será ás 11 horas. Ás 12.30 será a saída na categoría escolar (percorrido de 4,7 km); ás 13.20 a da cativada (1,4 km), e ás 13.30 a proba inclusiva (1,4 km).
Dorsais
O horario de recollida de dorsais será o venres, 15 de novembro, de 16 a 20 h; e o sábado 16, de 10 a 14 e 16 a 20 h. A recollida anticipada de dorsais-chips será os días 14, 15 e 16 de novembro nos puntos seleccionados.
Lebres
Por sexto ano consecutivo, membros do club Esprintes Ourense volverán facer de lebres, para axudar a corredores que teñen marcado un obxectivo en canto ao tempo a realizar.
Varios compoñentes do club correrán en ritmos que permitirán ir en grupo durante o percorrido. As distintas lebres marcarán os ritmos para chegar a meta en 45, 50, 55 e 60 minutos de tempo neto (desde que se pasa por debaixo do arco de saída ata que se chega a meta) sen preocuparse do cronómetro. Esta iniciativa, que se realiza en numerosas carreiras, é unha boa axuda para aquel que ten un obxectivo a cumplir.
As lebres -dous por cada tempo- portarán unha bandeirola suxeita a un arnés para que sexan facilmente localizables.
Servizos
Para facer máis sinxela a chegada á liña de meta dos corredores, o Centro Comercial Ponte Vella dispón para os participantes o seu aparcadoiro de balde. A organización, ademais, disporá dun servizo de gardarroupa pero non se responsabiliza dos efectos depositados no interior das bolsas. Haberá baños móviles na saída da proba e os vestiarios estarán ubicados no pavillón dos Remedios.
Caixóns
Segundo o dorsal de cada un, os participantes deberán colocarse no caixón asignado. Así, no primeiro caixón (negro) estarán os homes que acrediten unha marca inferior aos 35 minutos e mulleres inferior a 40; o caixón vermello é para os que conten cunha marca entre 35 e 40 minutos (homes) e entre 40 e 45 minutos (mulleres); o caixón amarelo para os que teñan marca entre 40 e 45 minutos (homes) e 45 e 50 minutos (mulleres); e o caixón verde é para o resto de participantes.