Verín acolle esta fin de semana do 23 e 24 de novembro as II Xornadas Micolóxicas ”Rocos, turtullos e cacabinas”, con sesións teóricas, saída de campo e show cooking especial sobre delicias das setas. Haberá unha exposición micolóxica o domingo, no Museo do Claustro da Mercede, e contará cun apartado especial sobre confusións alimentarias entre tipos de fungos.
O sábado ás 10h inauguraranse coas sesións teóricas impartidas polo enxeñeiro e experto en micoloxía Rafael Castro Vaamonde, que estarán seguidas pola saída ao campo.
Pola tarde as sesións continuarán coa clasificación no claustro das especies e exemplares recollidos, e ás 20 horas trasladarase ao restaurante O Regueiro da Cova, onde a recoñecida cociñeira Begoña Vázquez realizará un show cooking sobre delicias micolóxicas. A continuación, haberá unha cea de confraternización.
Na xornada do domingo realizarase unha exposición micolóxica, na que se disporá un apartado especial sobre identificación de especies parecidas que poidan entrañar riscos alimentarios.