Actuará no Auditorio de Ourense este sábado, 7 de decembro, ás 21 horas.

Sara Baras presenta «Sombras» en Ourense

A xenial bailaora e coreógrafa Sara Baras é a aposta da programación cultural do Concello para esta semana. O sábado, 7 de decembro, ás 21.00 h subirá ao escenario do Auditorio para presentar Sombras, o espectáculo co que vén de triunfar en cidades como Nova York, Londres, París ou Barcelona. A artista gaditana leva máis de 30 anos sobre os escenarios, acadando éxito tras éxito a nivel internacional e reunindo millóns de espectadores. A programación cultural do Concello para esta semana complétase coa programación infantil do Auditorio, o domingo, ás 12.00 h, coa obra Duncan de Palleiro e as exposicións de Xavier Cuiñas Liña de flotación na Sala Valente, e as de Francisco Ramos Fragmentos de existencia e Fernando Prieto Inquietudes no Museo Municipal.

Sara Baras toma de novo o ceo por asalto apoiándose no seu baile, desde o feitizo inconfundible duns pes únicos e co peso e a firmeza de ter descuberto que non hai metas imposibles cando se avanza polos camiños da evolución constante; cunha nova coreografía e unha posta en escena máxica e única para poñer os nosos sentimentos a flor de pel. Sara Baras propón esta vez unha viaxe a través do tempo, das cores, do silencio e do bulicio, da multitude e da soidade, da luz e das sombras. Esas sombras que nos perseguen ou nos acompañan no deixarán de asombrarnos, de sorprendernos.

A artista gaditana leva máis de 30 anos percorrendo os escenarios de todo o mundo. Desde hai 21 ten a súa propia compañía, Ballet Flamenco Sara Baras, con 13 espectáculos coreografiados por ela, e máis de 4.000 representacións que a levaron aos mellores teatros do mundo. Sara Baras é hoxe unha das máis recoñecidas embaixadoras da cultura española, e leva recibido innumerables premios e recoñecementos á súa traxectoria. Proba do seu éxito é que permaneceu durante longas tempadas en cartel en cidades como Barcelona, Londres ou París. De feito, é a artista que máis veces actuou nos 102 anos de historia do teatro dos Campos Elíseos, con máis de 200 funcións e máis de medio millón de espectadores. En Madrid presentou os seus espectáculos en 10 temporadas sumando un millón de espectadores.

As entradas para o espectáculo de Sara Baras se poden adquirir en ataquilla.com.

Programación infantil
O Auditorio proponnos este domingo unha nova cita coa programación infantil e familiar, ás 12.00 horas con Duncan de Palleiro. A obra cóntanos como transcorre un día na vida dun can, pero non dun can calquera. Trátase dun can moi especial que pertence a esa raza mítica, lendaria e con máis prestixio, a de Palleiro. Este can é Duncan de Palleiro o príncipe das corredoiras.

Duncan leva unha vida sinxela a carón do seu amo Aurelio e dos seus amigos, de sempre, nunha vila pequeniña e fermosa no medio das montañas chamada Óubidos, da cal se sinte moi fachendoso. Amizade, amor e liberdade son as palabras que máis lle gustan a Duncan de Palleiro.

Aas entradas para os dous espectáculos pódense adquirir en www.ataquilla.com, no teléfono 902 504 500, na Sede de Afundación (Praza Maior, 4) e no despacho de billetes do Auditorio dúas horas antes da función.