O pintor José María Barreiro expón “A cor e a luz” no centro cultural “Marcos Valcárcel” ata o 23 de febreiro, unha mostra que amosa “unha das principais características que define a pintura de Barreiro: o emprego da cor unido á luz”, sinalou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación da exposición no centro cultural, acompañado polo propio artista e polo director do centro, Francisco González.
“A cor e a luz” está composto por cadros da colección particular do artista e complementada con esculturas que son “algunha delas, proxecto de ser transformadas en obra pública”, destacou Francisco González.
Asemade, o director do centro cultural dixo que esta exposición ten unha “significación especial” porque con ela “rematamos este ano e comezaremos o vindeiro ano, cando se cumpre o 20 aniversario do centro cultural”. Neste mesmo sentido, Francisco González salientou que Barreiro é “un nome de referencia na plástica galega contemporánea” e esta mostra é “unha gran oportunidade para achegar aos afeccionados que hai aquí a súa obra”.
Pola súa parte, o artista, quen lembrou as súas exposicións en América coa galería ourensá Souto, afirmou que hai “moitos anos que non facía unha exposición desta categoría nun espazo como este que contribúe a embelecer a obra”. A mostra está integrada por un total de 30 cadros e 7 esculturas, “cadros que forman parte da miña colección particular porque son pezas que me encheron de pracer cando as pintei, que entrego con cariño a esta exposición”, explicou Barreiro, quen engadiu que “hai parte da miña vida posta nas obras”.