Prolongarase ata o 6 de xaneiro.

O Concello de Ourense presenta a programación de Nadal

Nesta semana Ourense entra de cheo no Nadal. Se o día 5 de decembro procedíase ao acendido do alumeado, esta semana deron comezo as actividades que se prolongarán ata o día 6 de xaneiro.
Xa deu comezo a 25ª edición do certame de panxoliñas. Este ano celebrase no Paraninfo do Otero Pedrayo desde o pasado luns e ata este xoves, 19 de decembro; as actuacións dan comezo ás 19.30 horas.

Unha das novidades máis destacadas será unha representación que se tivo que aprazar ao día 29 de decembro (domingo ás 20 horas). Un espectáculo de rúa a cargo da compañía Kull d´Sac que fusiona lume, música, pirotecnia e circo aéreo. Despois de facer un pequeno percorrido actuarán na praza Maior a partir das 20 horas (aforo limitado). Previamente, Papá Noel realizará un pequeno itinerario polas rúas da cidade. Ademais, os días 22 e 23 (domingo e luns ás 18 e 21 horas) estará xunto aos seus elfos na praza Maior, nos soportais do Concello, onde recollerán as cartas coas peticións infantís.

Auditorio
O Auditorio será un dos lugares privilexiados para gozar deste Nadal. Neste emprazamento celebraranse numerosas actividades como a escenificación da obra “Commedia” este xoves 19 ás 20 horas. Ao día seguinte, venres 20, terá lugar o concerto da Escola Municipal de Música (18.30 h). O apalpador achegarase o luns 23 ás 12 e 18 horas -Sala Apego-. Este mesmo día teatro coa obra “O pequebaila, o musical do Nadal”, ás 17.30 horas na Sala Principal. Seguindo co teatro, o venres 27: “A la sombrita” (19.30h) e o domingo 29: The Piccole Theatre (17h).
Xa en xaneiro chega cine infantil; do 2 ao 4 de xaneiro con dous pases ás 11 e 17 horas (Sala Vermella)
Tamén do 2 ao 4 de xaneiro (11.30 e 17.30 h) haberá un lugar habilitado para xogos de Playscape Deluxe, Bélxica …
O venres 3, Caramuxo Teatro presenta “Ñam” con pases ás 12 e 18 horas. Ás mesmas horas pero ao día seguinte Esperanza Mara presenta “Xogando coa música”. Entrada gratuíta, recoller convite (crianza máis unha persoa adulta) no Auditorio dúas horas antes de cada actuación ou en horario de mañá nas oficinas.
Para rematar as actividades no Auditorio, o día 6 (luns) celebrarase o concerto de Reis. Gala de Zarzuelas ás 19.30 horas na Sala Principal (recollida de convites desde dúas horas antes do concerto).

Cabalgata
Un dos momentos máis agardardos será cando as súas Maxestades -os Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar, cheguen nas súas carrozas. Estarán acompañados por un séquito cheo de sorpresas. O percorrido dará comezo ás 18 horas e pasará por: Eulogio Gómez Franqueira, avenida das Caldas, Ponte Romana, Rúa Progreso, Dr. Marañón e praza Maior.
Ademais, os paxes reais recollerán as cartas do máis pequenos; serán os días 2, 3 e 4 de xaneiro en praza Maior e rúa do Paseo.

Concertos
Varios serán os concertos que tñan lugar nestas datas.
Así, o sábado 21 de decembro a rúa Bispo Cesáreo engalánase para acoller o concerto de Nadal da Coral Cantiga Xuvenil, ás 18.30 horas. E no Paseo e xardíns Padre Feijoo, concerto do Coro da Ra ás 19.30 horas. María do Ceo actuará na Catedral a partir das 20.45 horas do domingo 22. A Coral de Ruada de Ruada actuará por partida dobre: o 28 de decembro -Catedral, 20.30 h- e o 3 de xaneiro na Igrexia de Santiago das Caldas ás 19.30 horas. O día 4, ás 18.30 h en Bispo Cesáreo será o turno da Coral infantil da escola de música de Barbadás.
Como xa é costume habitual, tampouco faltará a gran festa de fin de ano e aninovo coa orquestra Cordesom. Será á unha da mañá de noitevella na praza Maior.

Outras actividades
Por estás datas non podería faltar un clásico: o espazo expositivo Arturo Baltar -praza de San Cosme e San Damián- no que se poderá ver, como cada ano, o Belén de Baltar. Desde o 20 de decembro ata o 6 de xaneiro en horario de 11.30 a 14 h e de 17.30 a 20.30 h (agás os días 25, 1 e 6 que abrirá só de tarde). Do 26 ao 30 de decembro, celébrase a 16ª MOTI. E do 19 de decembro ao 14 de xaneiro poderán visitarse os Beléns que participen no concurso municipal. Os mesmos poderán consultarse en www.ourensecultura.com.
Do 22 ao 30 de decembro (agás o día de Nadal) actuacións musicais de rúa que darán comezo ás seis e media da tarde.
Ambientación musical e animación de rúas serán outras das actividades que nos atoparemos por Ourense nestas datas.