A Deputación de Ourense presentará o vindeiro venres en Madrid, no marco da Feira Internacional de Turismo (FITUR) o novo xeodestino turístico “Terra de Celanova-Serra do Xurés, unha proposta que une turismo cultural, termal e de natureza, que abrangue 14 municipios das comarcas de Terra de Celanova e da Baixa Limia. Na presentación, que terá lugar no stand de Turgalicia ás 13 horas, o presidente do goberno provincial estará acompañado por alcaldes dos concellos que constitúen este novo destino turístico, integrado dentro da demarcación definida pola Axencia de Turismo de Galicia no mapa dos xeodestinos de Galicia. Son: A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Quintela de Leirado, Padrenda, Ramirás e Verea, por parte da Terra de Celanova, así como os de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, por parte da Baixa Limia.
Baixo o lema “Terra de Celanova–Serra do Xurés: Pedra Viva!”, a Deputación de Ourense a través do Inorde presentará esta iniciativa de promoción turística xeográfica. A súa denominación: “Terra de Celanova–Serra do Xurés” foi acordada por todos os representantes municipais nunha das reunións levadas a cabo nos últimos meses, nas cales foron definidas tamén as primeiras actuacións divulgativas do devandito xeodestino.
O obxecto de incorporar as dúas denominacións Celanova e Xurés á marca turística baseouse fundamentalmente en dúas circunstancias. A primeira é que nestes momentos esta denominación está consolidada como destino turístico ligado ao turismo activo e de natureza, fundamentalmente. Pola súa parte o nome de Celanova mantén referencias evidentes co turismo cultural, polo que, con esa conxunción nominativa, a proposta turística é a de consolidar unha oferta centrada no turismo cultural, activo e de natureza, sen esquecer a fortaleza que este destino ten no turismo termal.
Por outra banda, o lema “Pedra viva!”, ven a resumir outra das singulares características que identifican a esta terra e constitúen un recurso turístico de seu, non é van é un dos elementos que se repiten ao longo de toda a xeografía do xeodestino, así como da historia, desde as propias rochas magmáticas tan singulares das serras do Pisco, do Xurés, do Quinxo e do Leboreiro, ata as referencias poéticas dos autores de Celanova, como é o caso das alusións de Curros Enríquez á pedra na lenda da “Virxe do Cristal” ou do “Longa noite de Pedra” de Celso Emilio Ferreiro, pasando por todo o patrimonio arqueolóxico e monumental que atesoura este xeodestino, no que a pedra é un elemento esencial da súa importancia histórica e da súa conservación no tempo.
Valen como exemplo disto os principais referentes arqueolóxicos, comezando pola Vía Nova e os seus miliarios, continuando polo campamento Aquis Querquennis, polo xacemento castrexo de Castromao ou pola Ponte Freixo, e seguindo por Santa Comba de Bande, San Miguel de Celanova, o mosteiro de San Rosendo, o románico de Ramirás ou de San Pedro da Mezquita e tódolos santuarios marianos que se reparten polo conxunto desta xeografía “arraiana”.