A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, vén de sacar a licitación as obras de construción das novas instalacións deportivas no Complexo lúdico deportivo de Monterrei no Pereiro de Aguiar. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicaba o prego de cláusulas administrativas particulares que rexerán na contratación documentalmente simplificada, polo procedemento aberto, non suxeito a regulación harmonizada e varios criterios de adxudicación das devanditas obras.
Como xa informou no seu día o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, o proxecto de reforma do novo Complexo Deportivo de Monterrei contará cunha zona deportiva e unha zona acuática como dúas partes diferenciadas e independentes. O orzamento total da actuación roldará os 10 millóns de euros e será cofinanciado ao 50% entre Xuntade Galicia e Deputación de Ourense.
En concreto, as obras que saen a contratación serán as da zona deportiva, un espazo novo no que se construirá segundo o texto do prego: unha pista polideportiva, unha pista de tenis cuberta, unha pista de tenis descuberta, dúas pistas de pádel contiguas cubertas, dúas pistas de pádel contiguas descubertas, unha pista de pump truck cuberta e a ampliación da cuberta e peche traseiro da grada da pista de atletismo actual. As obras desta primeira fase comezarán no primeiro trimestre de 2020 para que estean finalizadas no verán. O orzamento base de licitación é dun millón de euros (982.866,17 euros).
Zona acuática
No que atinxe á parte acuática, a redacción do proxecto sairá a concurso nos vindeiros meses e constará de tres fases diferenciadas: a piscina familiar, a piscina infantil e os tobogáns de adrenalina. Os prazos de actuación indican que a zona acuática estará completamente rematada antes do verán de 2023. Cómpre lembrar que durante a execución das obras poderanse utilizar en todo momento as instalacións xa existentes ou finalizadas. O orzamento da parte acuática alcanzará os 8.809.566,35 euros.
A actuación proxectada ten unha clara vocación de servizo ao público xeral, dirixida prioritariamente á xeneralización da práctica da actividade física saudable e da práctica deportiva e do ocio familiar. As novas instalacións permitirán ampliar a actual oferta deportiva e, sobre todo, acadar a súa desestacionalización dando servizo os 365 días do ano.
O futuro parque terá en conta as posibilidades de lecer que rodean a este espazo e que forman parte do actual complexo mantendo a contorna natural, os espazos verdes e a vexetación existente, creando un lugar agradable para os seus visitantes. O complexo deportivo de Monterrei converterase deste xeito nunha referencia de adaptación ao medio e ao entorno natural que rodea o espazo e, por suposto, de sustentabilidade. A eficacia na xestión e a eficiencia enerxética serán aspectos fundamentais para obter unha instalación co maior rendemento social e económico posible.