Tres xeracións de divulgadores micolóxicos de Celanova da familia Mínguez traballan nun novo libro de cogomelos que sairá este ano a rúa coincidindo co 25 aniversario da publicación do primeiro traballo titulado “Manual de cogomelos máis frecuentes e curiosos na zona de Celanova”, de 1995.
Participan no proxecto Ricardo, Alejandro e Alicia Mínguez nun traballo que será en formato álbum infantil con dous tipos de ilustracións e debuxos moi diferentes, unha parte dixital con técnica informática e outra clásica a lapis.
O obxectivo é explicar de forma sinxela un complexo mundo científico. O traballo cobre un oco no mercado editorial galego, xa que apenas existe bibliografía micolóxica para nenos. Os cogomelos están cada vez máis de moda, pero é preciso “iniciar a formación canto antes”, explican os autores, xa que nos montes galegos existen exemplares que son bos comestibles, pero tamén cogomelos tóxicos e incluso mortais que cada ano provocan ingresos hospitalarios. Ademais, os nenos deben coñecer as funcións botánicas tan importantes que fan os cogomelos, para respectalos e estudalos sen danalos.
25 anos
Despois dunha vida adicada a divulgación micolóxica con experiencia tamén entre os máis pequenos con charlas en colexios, os autores decidiron dar este paso para tratar de enriquecer a micobibliografía e que o libro serva comomaterial nos centros educativos.
Este traballo será o décimo primeiro da familia Mínguez de Celanova, e dentro dos títulos publicados nos últimos 25 anos cómpre salientar libros de divulgación, de cogomelos medicinais, de historia micolóxica de Galicia, cogomelos de Celanova ou unha selección dos comestibles e dos tóxicos.