O pregón corre a cargo de Moncho Borrajo o sábado, 22 de febreiro, na praza Maior.

O Entroido de Ourense contará con tres desfiles

O Concello reforza a programación do Entroido de Ourense 2020 coa finalidade de potenciar a súa dimensión de Entroido líder no Noroeste peninsular. Así o anunciou o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que presentou a programación de actividades xunto ao concelleiro de Cultura, Mario González e representantes dos Entroidos da cidade: As Pitas de Eiroás, Paquita e Nicanor de Seixalbo e Frei Canedo da Ponte.

Como principal novidade, o Entroido de Ourense (13 ao 26 de febreiro) contará por primeira vez con tres desfiles. Xunto ao tradicional de comparsas e carrozas do domingo, 23 de febreiro, incorpora un desfile infantil (venres, 21, 12.00 h) no que participarán 1.300 escolares da cidade, e un desfile dos Entroidos da cidade (o mesmo día, ás 20:30 h), que percorrerán as rúas e prazas da zona vella da cidade.

Tamén se reforza a programación coa actuación de orquestras (catro en total: o sábado, o domingo, o luns e o martes) na praza Maior, ademais das actividades de animación de rúa, o pregón de Moncho Borrajo, as sesións de DJ´s, as festas e actividades infantís ou a elección do Rei ou Raíña do Entroido, o Enterro da Sardiña e as actividades propias dos entroidos da Ponte, Seixalbo e As Eiroás.

Pregón
Este ano o pregoeiro do Entroido en Ourense será o artista Moncho Borrajo. O mesmo terá lugar na praza Maior, o sábado, 22 de febreiro, a partir das 20.30 horas.

“Vai ser un excelente Entroido de cidade”, asegurou o alcalde de Ourense, quen lembrou que a nosa é “indubidablemente a cidade galega e do noroeste de España co mellor entroido que hai. Non hai ningunha cidade que poda competir con nós e esperamos seguir liderando ese ránking”, afirmou.