Durante o primeiro trimestre deste ano, o Concello de Ourense ofrece seis obradoiros gratuítos no Parque de Montealegre. O motivo é fomentar o coidado da Natureza á vez que se da a coñecer este espazo natural.
O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, convida a todos os ourensáns “a coñecer o parque botánico e a participar nas actividades, accións formativas para fomentar o coidado da natureza e promocionar o espazo verde e de lecer máis grande da cidade”. Como vén sendo habitual, celebraranse os sábados ás 15 horas -público adulto- e os domingos ás 11 horas -público infantil, maior de 6 anos-.
Obradoiros
Para poder participar deberán anotarse na web botanicodemontealegre.com para o control do aforo, que será de 15 persoas.
O primeiro dos obradoiros chega o sábado, 15 de febreiro, e tratará sobre o uso de xabóns naturais e os beneficios tanto para nós como para a natureza.
O domingo, 23 de febreiro, en pleno Entroido será un sobre xogos e pintacaras para Entroido. Con este obradoiro achégase á rapazada á reciclaxe dunha forma divertida, á vez que manter unha tradición.
O día 29 deste mes -sábado- tócalle o turnos a “Aceites esenciais” para aprender a aproveitar todas as propiedades beneficiosas das plantas medicinais.
O domingo 1 de marzo: Mini horta na casa, na que os máis pequenos faranse cargo de plantas creando bos hábitos.
Xogos en equipo (todas as idades) terá lugar o sábado, 28 de marzo, e será unha boa forma de pasar o tempo libre na natureza.
E o domingo, 29 de marzo, péchase este ciclo co obradoiro: Portafotos árbore con pasta de sal. Unha actividade na que as manualidades axudan ao desenvolvemento do cerebro e á axilidade das mans.