O día 24 de febreiro, luns, celébrase o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e para celebralo a Fundación Rosalía de Castro, fai dous anos, con motivo do 180 aniversario do natalicio da poeta puxo en marcha unha iniciativa destinada a implicar á hostalería da vila na divulgación da escritora, propoñéndolle ós negocios que elaboraran un caldo seguindo a receita que Rosalía de Castro describe no poema “Miña casiña, meu lar”, ó cal bautiza como “caldo de gloria”.
No marco do proxecto de consolidación dun itinerario do Rexurdimento, a iniciativa ampliouse o ano pasado a Celanova e Ponteceso, que tamén se sumaron ese día á divulgación do coñecido poema rosaliano coa elaboración do “Caldo de Gloria” nas localidades natais de Curros e Pondal.
Feita a proposta por parte da fundación Curros Enríquez para o domingo, a hostalaría de Celanova respondeu un ano máis magnificamente á mesma confirmando a súa participación un total de 40 establecementos entre os que se atopan restaurantes, cafeterías e aloxamentos de turismo urbano e rural. A altísima porcentaxe de participación (que ronda o 75%) dá mostra da sensibilidade deste sector, que co seu apoio arroupa as iniciativas nas que a literatura ten a súa parte protagonista.
Dese case medio cento de establecementos celanoveses, o días 23 os restaurantes incluirán o “Caldo de gloria” na súa carta do día, mentres que os bares, tabernas, etc., ofrecerán unha cunca de caldo os seus clientes como complemento ó consumo da bebida. Con tal motivo a Fundación Curros Enríquez distribuirá entre os negocios participantes poemas de Rosalía de Castro para que a lectura da poesía acompañe nesta celebración e diverso material que proporcionará a Fundación Rosalía de Castro.
A Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova organizan tamén para o domingo 23 ás 12,30 horas unha visita polo Mosteiro de Salvador con saída desde a Praza a Maior e ás 13:15 un concerto didáctico “Especial Rexurdimento” no coro alto da igrexa do Mosteiro de San Salvador, que terá como singularidade a interpretación das músicas de cancións populares e que teñen letra dos tres autores e que son tan coñecidas como “Negra Sombra”, “Unha noite na eira do trigo ou Cántiga”, ou o propio “Himno galego”. O concerto será ofrecido pola organista María José Mosquera e ambas actividades serán de balde e sen inscrición previa.
Dende a Fundación Curros Enríquez, convidamos, pois, a quen queira acompañar a celebración do aniversario de Rosalía de Castro comendo un caldiño, para que se achegue á vila que mellor estime, Padrón, Celanova e Ponteceso, e goce das actividades que acompañarán esa xornada protagonizadas pola poesía da figura máis representativa e querida das letras galegas.