O comercio local de Barbadás pretende dinamizar o consumo coa celebración da terceira edición de «Barbadás Outlet» que terá lugar os días 7 e 8 de marzo. A cita reunirá a 22 firmas comerciais de decoración, moda, doces e fogar no polideportivo de Barbadás. O horario será de 11 a 14 horas e pola tarde de 16 a 21 horas.
O rexedor de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que “é un éxito que o aforo estea completo, cun total de 22 participantes”. “Barbadás Outlet “é unha aposta decidida polo comercio, motor da economía local, motivo polo que dende o Concello apoiamos esta e todo tipo de iniciativas para dinamizar o sector».
Valcarcel comentou que en Barbadás apenas hai establecementos sen actividade e as razóns principais son que “hai unha poboación xoven que merca no comercio local e uns comerciantes que contribúen á súa dinamización.
Cristina Arias, da zapatería “O gato con botas”, comentou na presentación que os comerciantes “estamos moi contentos con esta iniciativa porque nos dá a oportunidade de reunirnos nun espazo no que estarán tendas de todo tipo: alimentación, roupa, calzado, alimentación, perruquería, tamén haberá un espazo de animación infantil”, afirmaba.
Marga Pérez, concelleira de Comercio, avanzaba que nesta “terceira edición do Barbadás Outlet facilitará que os comerciantes poidan liquidar os artigos da tempada de inverno”. «É fundamental que a veciñanza coñeza o comercio local e que contribúan ao seu apoio coa súa presenza e as compras nunha variada gama de productos: moda, doces, calzado, libraría, doces, etc.» indicou Pérez.