Desde o pasado 1 de xaneiro a operadora Unión Temporal de Empresas puxo en marcha a rede metropolitana de transporte de viaxeiros de Ourense, agora denominada Rede Integrada de Ourense. En Barbadás foi a finais do mes de febreiro cando foi presentado este servizo.
Respecto ao servizo especificamente metropolitano da Valenzá- As Lagoas está sendo atendido por 4 novos autobuses de 12 metros e de tipoloxía urbana, 100% accesibles, con piso baixo e unha tecnoloxía Euro6 medioambientalmente respectuosa.
O representante da UTE Rio, Pierre Jaffard, destacou as melloras na prestación, como o feito de que todos os vehículos dispoñen de plataforma para persoas con mobilidade reducida ou que no futuro próximo poderase dispor dun cartón moedeiro recargable.
Pola súa banda, Antonio Gavilanes, administrador único da empresa Gavilanes, que forma parte da UTE que presta o servizo, agradeceu a colaboración da Xunta, do Concello de Barbadás e que unha empresa multinacional como Transdev contara con unha pequena empresa do sector para levar a cabo este proxecto.
En próximas datas poranse en marcha actuacións como o sistema de billética con cartóns sen contacto, que reducen o tempo de entrada nos vehículos; vehículos georreferenciados online, que permitirán ao usuario coñecer en tempo real o paso pola súa parada; e a máxima accesibilidade para persoas de mobilidade reducida, co 100% da frota adscrita accesible. Os usuarios poderán tamén efectuar o seu recarga a bordo, unha vez que se conecten ao sistema centralizado da Xunta de Galicia todas as máquinas de billeteira.
Atención ao público
Ademais, para calquera xestión relacionada co servizo, os usuarios disporán dunha céntrica oficina de atención ao público en Ourense, en Rúa do Progreso, 123 2.º, e cun amplo horario continuado de información.
Aposta municipal
Coa entrada en vigor do novo contrato o prezo do billete do autobús entre Barbadás e Ourense -a liña Loiro-A Valenzá-Ourense- pasou a custar 1,35 euros, que se fixarán en 1,5 euros a partir de xuño.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, lembrou que o Concello de Barbadás aposta polo servizo, exemplificando esta circunstancia no feito de que se destina unha partida de 175.000 euros ao ano a bonificar o autobús aos veciños -o prezo para os mesmos é de 0,75 euros- e avanzou que se negociarán futuras liñas en colaboración con Río. Ademais instalaranse, en colaboración coa Xunta, novas marquesiñas nos puntos con maior afluencia de usuarios.