Os concellos de Ourense e Montealegre colaborarán na promoción das súas actividades festivas e deportivas máis destacadas. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o rexedor da cidade portuguesa, Orlando Alvés asinaron un protocolo que recolle a vontade de colaboración e irmandade cultural entre ambos municipios, que se plasmará no ámbito festivo na celebración na Noite das Bruxas, que se desenvolverá en Montealegre o día 13 de marzo, e na Noite da Santa Compaña, que se celebrará en Ourense o 31 de outubro, na súa segunda edición. No ámbito deportivo, a primeira referencia será o Campionato do mundo de Ralicross World RX of Portugal, que se desenvolverá os días 2 e 3 de maio.
Atracción turística
O acordo de colaboración ten como finalidade contribuír á promoción de eventos cos que ambos municipios pretenden acadar unha ampla afluencia de público. A Noite das Bruxas terá este ano marcado protagonismo galego, xa que o espectáculo central no castelo de Montealegre correrá a cargo dos galegos Bruxo Queimán e Antía Pousa.
Santa Compaña
A cidade de Ourense presentará pola súa banda en Montealegre a Festa da Santa Compaña, que organiza o Concello a noite do 31 de outubro. Un evento que no ano 2019 celebrou a súa primeira edición, e ao que o goberno municipal quere darlle un forte impulso este ano, e captar a afluencia de visitantes de toda Galicia e do Norte de Portugal. O Concello de Ourense tanén promocionará no Norte de Portugal o Entroido, como festa referente da nosa provincia.