O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo un encontro con gandeiros do concello ourensán de Bande, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do alcalde da localidade, José Antonio Armada. O conselleiro aproveitou para destacar que a Xunta prevé comezar a executar entre maio e xuño deste ano os primeiros pastos no marco do Plan de pastoreo de Galicia, seis deles na provincia de Ourense cunha superficie total de actuación de 183 hectáreas.
José González sinalou que a gandería en extensivo de carne propia de zonas como a que visitou “é unha cuestión que interesa moito no marco da multifuncionalidade do monte” e por iso a Xunta está a promover este plan de posta en valor dos pasteiros. Así, na primeira fase proxectaranse pastos en concellos como os ourensáns de Beariz, Ramirás, Sarreaus, Cualedro, Montederramo e Paderne de Allariz. O obxectivo é múltiple: non só se busca recuperar os recursos naturais senón tamén anticiparse aos lumes forestais e garantir a rendibilidade das explotacións agrogandeiras.
No seu encontro con gandeiros José González quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade ao respecto da PAC, dicindo que cómpre ser cautos porque os fondos aínda se están a negociar. Con todo, apuntou que un recorte nas partidas sería letal para Galicia, polo que a Xunta seguirá traballando xunto co Ministerio de Agricultura para defender os intereses das explotacións galegas.
O conselleiro lembrou que xa se poden solicitar estas axudas da PAC e que tamén se pode acceder aínda a outras achegas importantes para o sector, como as destinadas a apoiar os plans de mellora, a incorporación de mozos e mozas ao agro e o desenvolvemento de pequenas explotacións, así como as dirixidas á transformación e comercialización de produtos agrarios.
Sementeiro da CMVMC Monte Grande
En Bande o conselleiro tamén visitou o sementeiro da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Monte Grande, unha mouteira de piñeiro silvestre con 58 hectáreas inscritas para a recollida de semente de categoría seleccionada (etiqueta verde).