O Sergas ven de reforzarse con 60 profesionais máis para facer fronte ao coronavirus. Polo de agora estes reforzos están destinados aos equipos que recollen mostras para analizar a domicilio; os servizos de prevención dos hospitais e os de microbioloxía que realizan as probas; e para a atención telefónica do 061.
Dende o Sergas lémbrase que a Consellería de Sanidade vén de poñer a disposición da poboación o teléfono 902 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto. En calquera caso, para persoas con sintomatoloxía (febre, tos, sensación de falta de aire) e que volvesen de zona de risco ou tivesen contacto con alguén que estivera nalgún deses lugares, tamén está dispoñible o teléfono 061 para consultas. Polo de agora recibíronse 656 chamadas nestas liñas.
Sanidade remarca que hai un procedemento específico para as persoas que sospeiten terse contaxiado co coronavirus. É importante que se contacte por vía telefónica con servizos sanitarios para que un equipo, formado por persoal de enfermería e persoal auxiliar, poda recoller mostras para analizar no seu domicilio, evitando en caso de infección a propagación do virus.