Este domingo, 8 de marzo, a cidade de Ourense celebra o Día da Muller cunha carreira popular polo centro da cidade. Co lema “Son libre para correr”, convídase á veciñanza a practicar o deporte non competitivo e reivindicar o papel da muller no eido do deporte. A proba sairá ás 11 horas da praza Maior.
“Son libre para correr” é un evento deportivo integrador e non competitivo pensado como convocatoria tanto para as persoas ás que lles apaixona correr e facer deporte como para quen se inician ou que nunca pensaron en facelo e queren tentalo. Toma o nome acuñado polo grupo de corredoras do club RunManiak BOX001 «Soy Libre para Correr», que se materializou ademais na creación dun novo grupo de corredoras e corredores que cada semana se xuntan para facer deporte baixo o nome Ahora corro yo. Este grupo será o que abra a carreira do día 8.
Na primeira edición participaron máis de 600 persoas e a organización márcase como obxectivo chegar a 800 este ano. A carreira está pensada para tódolos públicos cun percorrido curto de menos de 1 Km para persoas de mobilidade reducida, que sairá ás 10:50 horas da praza Maior. A carreira de 5 quilómetros, ten un percorrido axeitado a todos os niveis.
Discorrerá por avenida de Pontevedra, Desengano, praza de Abastos, paseo do Barbaña, Portocarreiro, Pardo de Cela, paseo do Barbaña (ribeira oposta), Portocarreiro, Pura e Dora Vázquez, Carriarico, Burgas, Bailén Colón, 2 de maio, Prieto Nespereira, Praza de San Cósmede, Hernán Cortés, Praza do Trigo, Cardenal Cisneros, Fornos, Praza do Ferro, Santo Domingo, Bedoya, Paseo, Lamas Carvajal, e volta cara a praza Maior.