O partido terá lugar nos Remedios o 8 de marzo, Día da Muller.

Un encontro benéfico reivindica o papel da muller no deporte

Un partido benéfico a celebrar en Ourense reivindicará o papel da muller no deporte. O partido de fútbol feminino terá lugar este domingo, 8 de marzo (Día da Muller) ás 12:30 horas no campo de fútbol Miguel Ángel do pavillón dos Remedios. Enfrontará o equipo do EFF Rosalía de Ourense con outro formado por mulleres representantes da sociedade ourensá.

A concelleira de Política Social, Igualdade e Saúde, Eugenia Díaz Abella, destacou na presentación a importancia do partido: “É un deporte tradicionalmente masculino, pero isto vai máis alá do deporte”, dixo. Agradeceu a colaboración do E.F.F. Rosalía, representada polo seu presidente, Mario Gómez, xa que “reúne os valores e requisitos necesarios: o compromiso, a superación e o esforzo”.

A recadación íntegra destinarase á fundación Pequeños Superhéroes, abandeirada polo pequeno Rafael Rodríguez Noguerol, que padece unha miopatía miotubular, enfermidade neuromuscular que afecta a totalidade do seu corpo.

Entradas
As entradas estarán á venda nas oficinas dos grupos políticos do Concello e da Deputación de Ourense e na sede social do EFF Rosalía. Ademais, habilitarase unha fila 0 para as doazóns: ES26 0081 0075 9500 0153 0560.