A empresa “Agro Vidal”, vén de doar unha importante cantidade de material de protección contra o covid-19 ao Concello de Verín. A Policía Local procedeu á súa repartición entre algúns dos colectivos da vila que, pola súa exposición máis directa ao virus, máis o necesitan.
Begoña Vidal, xerente da empresa “ Agro Vidal” quixo achegar o seu gran de area para contribuir a mellorar a situación que atravesa a cidadanía como consecuencia da crise sanitaria derivada da expansión do coronavirus covid-19 doando, de maneira totalmente altruísta, unha vintena de máscaras ffp2, vinte caixas de luvas, un traxe EPI, batas desbotables e varias unidades de produtos desinfectantes.
O material foi distribuído pola Policía Local de Verín entre algúns dos colectivos que, debido ao seu traballo, están máis expostos ao posible contaxio da enfermidade. Neste caso, o equipo foi entregado aos traballadores e traballadoras do Hospital de Verín e do Asilo Santa María Nai e aos responsables de Cáritas, encargados de facer a repartición de alimentos entre os colectivos máis desfavorecidos.
O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quixo agradecer a todas as empresas que están a realizar donacións na vila o seu gran compromiso social. “É gratificante ver como nestes momentos tan críticos brotan este tipo de iniciativas totalmente altruístas entre os nosos veciños e veciñas, accións que sen dúbida axudarannos a superar canto antes esta crise”.