A Concellería de Medio Ambiente e Limpeza, en colaboración coa empresa concesionaria Ecourense, e en activa e constante coordinación coa Concellería de Política Social, pon ao servizo do persoal do Servizo de Axuda a Domicilio un kit de limpeza con todos os elementos necesarios para atender as persoas beneficiarias deste servizo.
O kit -formado por lixivia, cubo de lixo con pedal, e bolsas de lixo con peche hermético, como aconsella a instrución técnica do Ministerio de Sanidade-, permite mellorar as tarefas de limpeza e de xestión de residuos nos fogares de usuarios do Servizo de Atención a Domicilio, mellorando a protección da saúde dos usuarios e das súas familias, así como do propio persoal do servizo. Inclúe tamén un folleto informativo para que as empregadas do servizo coma as familias dos fogares receptores saiban que deben facer en cada momento para a súa seguridade.
O tenente de alcalde, Jorge Pumar, sinala que a actuación ten unha única finalidade, a de axudar as persoas máis vulnerables nestes momentos en que a pandemia pon a proba a nosa sociedade: “Estamos no momento onde todos debemos sumar esforzos para acurtar esta horrible situación e axudar a quen máis nos necesita. Ao coronavirus vénceselle con solidariedade”, sinala Pumar.
O material seralle entregado á empresa concesionaria do Servizo de Atención a Domicilio como axuda no seu labor diario con aquelas persoas máis vulnerables a esta pandemia. Para Eugenia Díaz, concelleira de Política Social, “estas accións de carácter social son o camiño que debemos seguir para combater esta crise sanitaria. Unir esforzos é o camiño para saír canto antes desta crise.” Aproveita Díaz Abella “para poñer en valor o traballo do persoal do Servizo de Axuda a domicilio”.
Por último, o tenente de alcalde, Jorge Pumar, lembra que este kit “permite a adecuada xestión de residuos naqueles fogares con pacientes con COVID-19, axudando a protexer os seus familiares e o conxunto da sociedade”.