O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, visitou as instalacións da delegación de Cáritas Diocesana de Ourense para entregar dous conxeladores de grandes dimensións cos que poidan facerlle fronte ao incremento de actividade destes días. No día de onte, o comedor de Cáritas serviu 650 comidas, o dobre que calquera día antes da crise sanitaria provocada polo COVID19.
O propio Gonzalo Pérez Jácome sufragou o gasto dos conxeladores, comprados nunha coñecida empresa de electrodomésticos da cidade, co 30% do soldo correspondente ao mes de abril. “Non podía agardar pola burocracia do Concello”, dixo, “e decidín socorrer unha necesidade de Cáritas”. O alcalde viuse sorprendido, na visita, pola cantidade de voluntarios que están cooperando coa entidade social: “Esta crise está a destapar as esencias da solidariedade”, afirmou logo de comprobar como “cociñeiros de elite están a pelar patacas” para botar unha man.