Tribuna Aberta

A Covid-19, unha crise-oportunidade

Aproveitemos a situación que nos ofrece a Covid. É unha oportunidade de cambiar a nosa forma de sociedade, a nosa forma de entender as relacións laborais, a economía, a relación coas outras persoas e coa contorna. É unha oportunidade de cambiar, evolucionar, mellorar, e evitar os erros cometidos ata hoxe.

Pero tamén é esta unha etapa previa ao “colapso” que está por chegar. Ese colapso é un acontecemento que non será explosivo e puntual, senón unha degradación da sociedade que xa se está producindo, pero aos poucos, similar a ese óxido que empeza sendo unha pequena mancha que se rasca ou se pinta por riba e acaba derrubando grandes e fachendosas infraestruturas. A Covid-19 saíu da nada e colouse no programa da humanidade, pero non había que ser moi intelixente para saber que o noso estilo de vida enfrontaríanos a pandemias, virus e outros desafíos complexos. O virus é só unha etapa, non permitamos que a árbore nos impida ver o bosque, despois do virus haberá outras calamidades que debamos soportar: novas burbullas financeiras, inmobiliarias, etc., propias dun sistema que morre: o capitalismo.

Persoalmente, desexaría que a nova sociedade que xurda deste intre fose unha sociedade consecuente co que viviu e co que sabe perfectamente que vai vivir. Unha sociedade social, se me permiten a redundancia, que poña ao individuo no lugar que lle corresponde. Destaco que non me refiro a que o antepoña ante todo, senón que saiba ocupar o seu lugar coa humildade da engrenaxe que pertence a unha maquinaria máis grande. Se un virus pode poñernos contra as cordas, debemos revisar o noso pedestal e adaptar a nosa consideración case-divina sobre nós mesmos.

Por outra banda, vexo que somos testáns e non escarmentamos. Tras a crise do 2008 (nunca rematada) lanzámonos sen protección de novo á orxía do crédito, dos bancos, do consumo, as viaxes, o turismo desenfreado, as compras online, etc. Faremos o mesmo agora. Estamos a desexar que abran os bares para beber e socializar, faremos esa viaxe en avión tanto tempo postergada. Como me dicía alguén: non vou facer o que facía antes. Vou facer máis por se me volven a confinar. Somos como “yonkis”, consumíndonos, consumindo.
Aproveitemos a situación que nos ofrece a Covid orientando o cambio que vén, que xa chegou, cara esa versión construtiva e positiva de nós mesmos.

Óscar Blanco

(Fragmento extraído da entrevista feita no blog “Talking About” de Raquel Sertaje. Fonte: https://raquelsertaje.wordpress.com/2020/04/19/apocalypse-yesterday/)