Facendo un flashback ao 12 de Marzo do 2020, o que lembro con máis intensidade, e mesmo morriña dese día, é a ausencia total de preocupación. Acababa de chegar a Copenhague dunha curta visita a Madrid, onde a rúa cheiraba a primavera, o sol brillaba, e madrileños e turistas paseaban libremente polas rúas da capital, completamente alleos ao que nos esperaba ao virar a esquina. Apenas cinco días despois da miña chegada de España, Mette Frederiksen, Primeira Ministra Danesa, comunicaba o peche das fronteiras estatais como medida primordial para frear a expansión da Covid-19.
Aínda que desde un primeiro momento Dinamarca tomou estritas medidas de control de fronteiras e peche de negocios (salvo farmacias e supermercados, a maioría de daneses implementaron o tele traballo), o confinamento nunca foi total; permitíusenos saír á rúa de forma responsable e evitando as multitudes. E, como case sempre, os daneses acataron as recomendacións sen grandes alborotos. Ademais, aquí o “social distancing” é unha práctica social bastante estendida, as autoridades tampouco se tiveron que volver tolas impoñendo sancións, nin os veciños tiveron que saír ao balcón a sermonar aos veciños que saía estirar as pernas.
O 21 de Maio do 2020, Dinamarca rexistra 11.315 casos de contaxio e 561 falecidos a causa do virus. Como dato anecdótico, seguindo coa actual tendencia de explicar a realidade en cifras constantes e soantes, no 2018, no pequeno reino danés faleceron máis de 2.000 cidadáns de gripe e pneumonía, mentres que máis de 500 persoas quitáronse a vida. Con todo, a Covid-19 tivo un maior calado na sociedade. Esta, nun espazo récord de tempo, viuse obrigada a frear a súa economía e transformar os seus hábitos sociais, sufrindo o consecuente pau económico derivado desta crise biolóxica.
Sen ser dos países máis afectados, teremos que esperar para avaliar o impacto da Covid-19 na economía danesa. Aínda que as medidas sociais despregadas para apoiar a industria ante esta crise foron máis xenerosas que noutros países, o Estado de benestar tampouco é ilimitado. Non todos os negocios poderán saír desta fochanca. Só en Copenhague, calcúlase que máis de 50.000 persoas perderon os seus empregos. Economistas de renome non falan dunha crise económica post Covid-19, senón dunha depresión a nivel mundial. Ante este panorama, preguntarnos cando volverá a normalidade xa non ten demasiado sentido. Máis ben teriámonos que preguntar que normalidade queremos que volva. É dicir, sobrevivir para que.
A Covid-19 resaltou o feito de que a comunidade, hoxe máis que nunca, é un concepto global. As crises deste tipo afectarán a todos os habitantes da terra e por tanto, resolvelas, precisará que pensemos e actuemos conxuntamente. A Covid-19 conseguiu que se abran novos escenarios nos que xa non nos servirá mirar cara a outro lado para facer fronte á crise climática, para aferrarnos á identidade exclusivista fronte á presión dos fluxos migratorios, para defender custe o que custe a privatización dos dereitos universais na infrutuosa misión por crecer custe o que custe. A nosa será unha xeración marcada pola alimentada obsesión pola seguridade e a neurose causada por medos a perigos invisibles. Neste universo de ameazas pantasmas e inminentes, todos son presuntos culpables. Como nos defendemos deste medo? Mantendo distancias? Penetrando en nós mesmos? Escondendo a cabeza na area? Ou …
Cando a Covid remita, o mundo non debería ser o mesmo. Deberiamos abrir máis espazos, analóxicos ou virtuais, para canalizar as actuais prácticas de interacción cos nosos semellantes e as de consumo, tan nocivas cara ao noso planeta. Sería interesante repensar o noso papel e as nosas decisións como votantes. Non deberiamos facer oídos xordos ás reivindicacións de igualdade, nin pospor por máis tempo as tan necesarias medidas que poñan freo a polución do aire que ao ano mata a 7 millóns de persoas en todo o mundo.
Se algo nos concedeu este virus, é a incerteza -de elevadas proporcións históricas- de non saber que sairá de todo isto. Quizais agora, en lugar de negar, podamos empezar a facer fronte a realidades coas que conviviamos ao límite, facendo oídos xordos aos chamamentos de S.O.S. que desde hai décadas víñannos advertindo das consecuencias do noso alleamento e estilo de vida tan prexudicial para o noso planeta e a nosa supervivencia no mesmo.
Espero que aprendamos a lección.
Raquel Sertaje