A exención suprime o pago durante este ano.

Verín suprime as taxas a empresas e autónomos

O pleno do Concello de Verín aprobou, por unanimidade, un primeiro paquete de medidas fiscais destinado a paliar os efectos económicos da pandemia sobre empresas e autónomos. Coa medida veranse exentos de pago durante o exercicio do ano 2020 das taxas de terrazas (suspensión do cobro durante o exercicio 2020 da taxa e a devolución da taxa a quen xa a pagou no presente exercicio); e rótulos e toldos (polo aproveitamento do vuelo mediante toldos, da ocupación de vía pública mediante portadas, escaparates e vitrinas e da ocupación de vía pública mediante rótulos e letreiros). En canto á recollida de lixo, desta suspenderase o cobro do segundo trimestre do exercicio 2020 da taxa pola prestación deste servizo nos establecementos de restauración, autónomos e empresas afectados pola imposibilidade de apertura ó público durante o estado de alarma declarado polo goberno español.
Segundo explicou o tenente de alcalde e concelleiro de Facenda, Diego Lourenzo Moura, «o Concello de Verín suspende o pago destas taxas coa finalidade de mitigar, na medida do posible, as dificultades económicas provocadas pola crise sanitaria e favorecer a reactivación económica da vila. Estas medidas, finalizou Lourenzo, «supoñeranlle un aforro total anual de 77.200,98 euros ao sector empresarial local».

Sesión
Dentro da orde do día da sesión plenaria tamén foi aprobada (cos votos a favor de PSOE e BNG e en contra dos do PP) a creación da dedicación parcial (75% da xornada) do alcalde de Verín cunha retribución bruta anual de 40.694,22 euros, distribuída en doce pagas mensuais e dúas extraordinarias.
Por último, aprobouse tamén cos votos a favor do goberno e os votos en contra do PP, unha operación de crédito a curto prazo para financiar o plan de investimento municipal de 2020; así como a adxudicación da operación de tesourería 1/2020.