A Asociación Xuvenil organizará a 33ª edición do 3 ao 13 de agosto.

O Campamento Urbano de Amencer, fiel á cita

Amencer organizará, un ano máis, o Campamento Urbano que este ano chega á súa 33ª edición. Este ano desenvolverase do 3 ao 13 de agosto, e estará aberto á participación de todos os rapaces de entre 8 e 16 anos de idade, especialmente a aqueles que non poden gozar doutras opcións de ocio en verán por motivos diversos -estudos, nivel económico…-. Preténdese facer gozar do tempo libre dos pequenos de maneira educativa e retomar os contactos sociais logo deste tempo de confinamento, polo que se tomarán moitas máis precaucións, pero seguirase celebrando co mesmo espírito de sempre: “unha cita aberta, libre, gratuíta, urbana e continua”, en palabras da concelleira de Xuventude do Concello de Ourense ,Flora Moure.

Inscrición
Para máis seguridade, este ano cada participante deberá facer unha inscrición previa que será na web www.amencer.org. Quen non poida facela poderá acudir, antes de que comece o campamento á sede de Amencer (colexio Salesianos) para que o inscriban. O xoves anterior ao comezo do campamento será a data tope para as inscricións. Ademais, os familiares dos participantes deberá asinar unha declaración responsable para poder participar. Na declaración deberán asegurar non ter síntomas do COVID-19 e deberán informar á organización en caso de baixa por enfermidade do rapaz.

Distancia social / Distancia física
As especiais condicións destes últimos meses fan máis necesario se cómpre a celebración deste ano. Segundo os educadores, a rapazada precisa de contacto social, algo que debe ser compatible coa distancia física e coas medidas de seguridade hixiénico sanitarias. Farase especial insistencia en empregar o maior número de espazos o aire libre da cidade para realización destas actividades -parques, prazas, instalacións públicas, etc.-, pero tamén no tocante ás medidas hixiénicas: xel, utilización de máscaras para os participantes, material e lugar propio e exclusivo para cada grupo de convivencia, aprender a controlar a temperatura persoal; limpeza entre todos e con persoal profesional dos materiais e instalacións utilizadas.

Medidas adoptadas
O número de participantes no Campamento Urbano de Ourense foi medrando, dende os 170 rapaces e rapazas da súa primeira edición a unha media de 850 na última edición. Por iso compre ter unhas medidas hixienico sanitarias para garantir na medida do posible a saúde de todos.
Organizaranse, coma sempre, tres campamentos urbanos cun máximo de 250 participantes para cada un deles: de 8 a 10 anos e de 11 a 13 en horario de mañá; e de 14 a 16 en horario de tarde. As entradas e saídas do campamento serán distribuídas en distintos horarios. Haberá grupos de convivencia autónomos e permanentes dun máximo 15 rapaces/as cun mínimo de 2 animadores/as, que utilizarán diferentes espazos na cidade. Formarase sobre medidas hixiénico-sanitaria a todos os participantes (animadores e rapaces). Para rematar realizaranse actividades que teñan en conta o distanciamento físico.