As eleccións á Xunta son o 12 de xullo.

Comeza a campaña electoral en Galicia

O coronavirus fixo que tiveramos que parar, aprazar ou mesmo suspender infinidade de actos do día a día de cada un de nós. Outros actos colectivos tampouco se puideron levar a cabo; entre eles as eleccións autonómicas -algo nunca acontecido en democracia-. Previstas para o 5 de abril, o estado de alarma obrigou a aprazalas ata unha mellor ocasión cando a COVID-19 dera unha tregua para que todos puideramos ir votar. Con tregua ou sen ela, o certo é que a nova data elexida para que os galegos acudan as urnas é o 12 de xullo. Por diante quedan dúas semanas de campaña electoral na que todos os partidos porán a carne no asador para uns manter o que as enquisas din; outros, darlle a volta a estas; e os terceiros lograr unha representación no Parlamento de Galicia que parece complexa.

As enquisas dan unha ampla maioría ao Partido Popular liderado, unha vez máis, por Alberto Núñez Feijoo, o que lle valería para repetir na presidencia da Xunta. Nas anteriores eleccións logrou un total de 41 escanos (a maioría absoluta está en 38) e para o 12X parece que andara nunhas cifras moi similares. O Partido Socialista, que conta con 14 deputados na actualidade está á alza e parece que subirá algún escano. Outro partido que parece que pode medrar é o Bloque Nacionalista Galego, que podería pasar dos seis escanos aos 13 que lle conceden as sondaxes. Pola contra, as mareas poden levar unha caída moi pronunciada e pasar dos 14 deputados cos que contan a andar nos cinco; esta circunstancia débese, en parte, a escisión que provocou que se presenten por separado Galicia en Común, por unha banda, e Marea Galeguista, pola outra. O resto de formación (ata un total de 19) non parecen contar con opcións de dar a sorpresa e ter representación no Parlamento galego nos vindeiros catro anos; aínda que en 15 días moitas cousas poden cambiar.
Sexa como fora quedan dúas semanas de campaña para que os partidos afiancen a confianza dos seus votantes e convezan aos indecisos. O 12 de xullo saberase se continúa gobernando Galicia o partido liderado por Núñez Feijóo e sen ningún apoio doutras formacións, ou se entre PSdeG, BNG e Galicia en Común logran desbancar aos populares.

Candidatos
Alberto Núñez Feijoo, actual presidente da Xunta de Galicia, é o líder con máis posibilidades de dirixir durante catro anos máis os designios da nosa comunidade. Por parte dos socialistas, Gonzalo Caballero quere ser a alternativa, sempre contando co apoio da nacionalista; Ana Pontón, e do cabeza de lista de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino. Por parte da Marea Galeguista, toda vez que Luis Villares renunciara a presentarse será Pancho Casal o candidato.
Vox, que ten certo auxe no resto de España, dá a sensación de que en Galicia non cala; Ricardo Morado é o presidenciable da formación verde. O mesmo ocorre con Ciudadanos, a formación de centro dereita non termina de asentarse; Beatriz Pino (a candidata dos laranxas) apenas ten posibilidades de ter representación segundo as enquisas.

Ourense
En Ourense, o Partido Popular buscará de novo lograr os nove deputados -dun total de 14 escanos-. Para impedirllo os mellores posicionados están PSOE e BNG (que contan na actualidade con dous e un deputado, respectivamente). En Marea, que lograra dous parece que desaparecerá do mapa electoral.
Un partido que tivera un número importante de votos nas autonómicas de 2016, Democracia Ourensana, non se presenta desta vez. O seu pacto no Concello e Deputación de Ourense cos populares fixo que a formación liderada por Gonzalo Pérez Jácome -alcalde de Ourense- reixeitara presentarse. Jácome pediu o voto para Núñez Feijoo (e mesmo asegura que el o votará).
Agora toca ver se os 7.679 votantes que tivo nos comicios anteriores seguen a recomendación do alcalde ourensán.