A comisión “Ourense Futuro”, iniciativa aprobada na sesión plenaria correspondente ao mes de maio, constituíuse como receptora das iniciativas sociais e económicas para impulsar á provincia na era “poscovid”. “Ourense Futuro” será receptora das demandas e achegas que poidan formularse desde calquera colectivo social da nosa provincia e está constituída por un representante de cada grupo político provincial adoptando as súas decisións mediante o sistema de voto ponderado.
Trala reunión de constitución, a comisión quedou conformada da seguinte maneira: polo Grupo Provincial do PP está Rosendo Luis Fernández, polo Grupo Provincial do PSdeG-PSOE está Diego Fernández, polo Grupo Provincial de DO está José Miguel Caride, polo Grupo Provincial do BNG está Bernardo Varela, e polo Grupo Provincial de Ciudadanos está Montserrat Lama. O presidente de dita comisión é Rosendo Fernández.
Na reunión tamén se estableceu o correo electrónico ourense.futuro@depourense.es como canle de comunicación e de recepción de comparecencias, poñéndose a disposición das entidades interesadas, un modelo normalizado de solicitude. Na reunión acordaron que as comparecencias se celebren ordinariamente os luns de cada semana, comezando as mesmas o 20 de xullo de 2020. As comparecencias, entre dúas e catro por reunión, terán unha duración aproximada de dez minutos cunha breve quenda final de preguntas polos membros da comisión. E, en función das solicitudes recibidas, a comisión reunirase para programar o calendario de comparecentes.
O traballo da comisión desenvolverase ao longo deste ano 2020 e todas as comparecencias e documentos de traballo serán públicos a través da web da institución provincial (www.depourense.es). Os representantes dos grupos políticos actuarán como relatores na redacción dun documento final que recollerá o sentir dos comparecentes, documento que será presentado para a súa aprobación en pleno e que servirá de folla de ruta para a acción política na provincia. O documento aprobado remitiráselle aos titulares dos poderes executivo e lexislativo a nivel autonómico e estatal.