Chega o mes de xullo e aínda nada se sabe de como solicitas as axudas, a autónomos e pemes, que prometera o alcalde de Ourense -Gonzalo Pérez Jácome- ao inición da crise sanitaria (e económica) provocada pola COVID-19.
Para tranquilizar, Jácome, vén de confirmar que as axudas a autónomos e ás pequenas e medianas empresas (pemes) faranse efectivas en setembro, a pesar de “certas especulacións interesadas”. Logo de que se aprobase no anterior pleno a correspondente modificación de crédito por unha contía económica de 20 millóns de euros, e unha vez que sexan aprobadas as bases en xunta de goberno local, desde o presente mes de xullo os algo máis de 9.000 autónomos e pemes poderán presentar as solicitudes.
O rexedor advirte que o plan fixado polo goberno municipal cumprirase “sempre que non prospere a denuncia dilatoria” que de xeito verbal formulou o voceiro do grupo socialista, Rafael Rodríguez Villarino, na Subdelegación do Goberno, igual que fixo coas axudas da Deputación “nun intento de demoralas ou tumbalas”. Neste sentido, Gonzalo Pérez Jácome amosa a súa convicción de que as axudas establecidas, de 2.000 euros a cada autónomo, se poidan facer efectivas e, dese xeito, “contribuír a paliar os efectos derivados do estado de alarma pola COVID19”.
Para o alcalde “é unha prioridade poder axudar a estes colectivos, que foron dos máis afectados, xa que durante ese tempo os seus ingresos foron de cero euros, ao non poder realizar a súa actividade”. É por isto que “mantemos a nosa folla de ruta para poder entregar esas axudas dende o 1 de setembro”, e para que se “poida recuperar esa normalidade económica tan necesaria para o futuro da cidade”.