O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Fundación “Insua dos Poeta”, Luis González Tosar, presentaron no Pazo Provincial a XII edición da Festa da Palabra, un evento que se celebrará o vindeiro domingo, 19 de xullo, na Insua dos Poetas, na Esgueva, Madarnás (O Carballiño).
No acto, que comezará ás 12 horas, conmemórase este ano o centenario da revista Nós (1920-2020) e presentarase o libro Camiño de Nós. Ademais da habitual entrega de premios “Insua dos Poetas”, terá lugar a actuación de Son Trío; ás 14 horas celebrarase a romaxe literaria, coa actuación de Airiños de Caldelas, e ás 18 horas actuará o grupo folk Tor, que presentará o seu novo disco.
Manuel Baltar destacou que a Festa da Palabra “é un dos eventos culturais máis importantes dos que se celebran en Galicia”, e que este ano conmemora unha singular efeméride, “o centenario da revista Nós, que alumeou á xeración Nós, o berce do pensamento político galeguista, e por esta razón, serán benvidas todas as homenaxes que fagamos aos persoeiros que fixeron patria; de feito nesta edición, na Insua, estreamos o “Auditorio Nós”, no que mesturaremos novamente cultura e música”, afirmou Baltar.
O presidente do goberno provincial salientou que esta “é a primeira activade cultural que organizamos poscoronavirus, para a cal se manterán todas as medidas de seguridade e sanitarias”; un evento no que “reivindicamos esta nación cultural que é Galicia e posicionamos a Ourense desde a Insua dos Poetas, como un faro que guíe o desenvolvemento cultural, a aposta pola esencia da nosa cultura, a través do magnífico labor que vén desenvolvendo Luis Gónzález Tosar”, expresa Baltar, quen considera que achegarse á Insua dos Poetas “é estar nun parque temático da nosa cultura, onde as esculturas falan por si mesmas, onde hai homenaxes constantes, e se deixa a pegada para as vindeiras xeracións desa identidade con Galicia que ten na Insua unha capital referencial”.
Luis González Tosar destacou que o evento que se vai celebrar este domingo poderíase titular “Tódalas forzas do espírito están connosco”, dixo, en referencia ao artigo Saúde e terra, do primeiro número da revista Nós, editada o 30 de outubro de 1920. “Será un acto para porá en valor o legado de persoas como Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Otero Pedrayo e outros destacados intelectuais ourensáns daquela época”.
Tosar detallou o programa de actividades, que inclúe poesía, música e a presentación do libro Camiño de Nós –que se vai distribuír no decurso do acto-, unha publicación da editorial Aira que é a recolleita dunha crónica publicada en 1926 en A Nosa Terra, que narra a peregrinaxe de Ourense a Santiago realizada por persoeiros como Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo, Lois Feixoo, Antón Sánchez ou Xabier Pardo.
González Tosar comentou que o domingo tamén se dará a coñecer a persoa ou a obra homenaxeada na Festa da Palabra de 2021, e se entregarán os premios correspondentes á edición deste ano, unha cita cultural que contará coa participación de representantes de entidades sociais, culturais e institucionais de Galicia, e que terá como escenario a incomparable contorna natural da Insua dos Poetas.