A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar co Concello de Bande na urbanización dunha praza municipal. Así o comprometeu a conselleira en funcións Ángeles Vázquez no transcurso dunha xuntanza coa alcaldesa Sandra Quintas, quen lle trasladou a importancia de levar a cabo esta actuación sobre un dos espazos de uso público máis transitados do municipio.
A intervención prevista polo concello, tal e como lle explicou a rexedora, ten como obxectivo acometer o acondicionamento e urbanización da praza principal do Concello de Bande co fin de mellorar o aproveitamento e uso público deste espazo por parte da veciñanza.
Así mesmo, Sandra Quintas tamén aproveitou o encontro para explicarlle os plans municipais para actuar contra o feísmo no casco urbano da vila, interesándose ao respecto polas posibles vías de financiamento que pon a Xunta a disposición das entidades locais en materia de rehabilitación e conservación do patrimonio xa construído.
Pola súa parte, Ángeles Vázquez indicoulle á alcaldesa que estudará a viabilidade de implicarse e cooperar na urbanización da praza principal de Bande xa que, como lembrou, o seu departamento ofrece aos concellos varias liñas de axudas para o desenvolvemento de intervencións urbanísticas que busquen potenciar as infraestruturas públicas, os servizos e os equipamentos municipais para mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas galegas.
Un deses programas de apoio aos concellos en materia urbanística é o chamado plan Hurbe, en virtude do cal a Consellería e mais o Concello de Bande asinaron en 2019 un convenio de colaboración para cofinanciar nun 70% e nun 30%, respectivamente, a humanización da contorna do Mercado do Xurés.
A este respecto, Vázquez Mejuto lembrou que este contrato foi licitado a mediados de xuño cun orzamento base de 77.999,99 euros (IVE incluído) e avanzou que, unha vez pechado xa o prazo para a presentación de ofertas a comezos deste mes, está só pendente de adxudicación.
Aquis Querquennis
Por outra banda, a Xunta iniciou os traballos de acondicionamento do firme nun treito antigo da estrada OU-540, en Bande, para mellorar o acceso ao complexo arqueolóxico romano de Aquis Querquennis. Estas actuacións están a executarse nun treito antigo da estrada na marxe esquerda, desde o punto quilométrico 48+225. Actuarase ao longo dun treito que suma 400 metros, cun ancho medio de plataforma duns 6 metros.
A intervención consiste nun reforzo do firme mediante regas asfálticas. Para isto, acometerase un dobre tratamento superficial na sección completa do treito antigo.
Os traballos, cun investimento estimado próximo aos 8.000 euros, complementaranse posteriormente cun acondicionamento e limpeza coa fin de que a zona sexa de aparcamento no acceso ao complexo arqueolóxico.