Decrecendo.

O cedro e o “greenwashing”

Están agora a voltas co traslado do cedro que impide ver, segundo o alcalde, a fachada da Catedral de Ourense. Vexo con curiosidade as mostras de apoio en defensa desa árbore solitaria, pero non podo evitar pensar que, como veciño desa rúa que son, esa árbore leva anos soportando as ocorrencias da fauna etílica que lle rodea nas noites de marcha. Sobre esa árbore ouriñouse e vomitouse ata a saciedade, ademais de ser regada con todo tipo de licores e bebidas, restos de vasos de plástico e cristal, acompañados co seu aderezo habitual de cabichas. Talvez a árbore estea a desexar ser transplantada, outra cousa é que sexa posible ou razoable. E sempre será mellor que quede aí a que a tallen e morra.

Facendo un paralelismo coa situación vénme á mente o fenómeno empresarial do “lavado de cara verde” coñecido por algúns polo seu termo inglés como “greenwashing”.

Este supón a difusión de mensaxes cun claro contido a favor da natureza, das políticas de reciclaxe ou contra o cambio climático pero feitos de maneira enganosa para promover a percepción de que os produtos, obxectivos ou políticas dunha organización son respectuosos co medio ambiente co fin de aumentar os seus beneficios ou a súa reputación.

Ou sexa, que de día todos queremos coidar, agarimar e facernos fotos co cedro, pero polas noites se lle agride sen piedade.
A pena é que este “lavado de cara verde” deslizouse en practicamente todos os impactos publicitarios que recibimos. Un só ten que darse unha volta polos corredores de calquera supermercado e a primeira vista podemos percibir os encomios que fan as compañías dos seus propios produtos: “procedente de granxas ecolóxicas”, “material biodegradable”, “non dana o medio ambiente”, “reciclado nun tanto por cen”, … lixo tanto ambiental como publicitario (algún día a Publicidade deberá asumir a responsabilidade que ten na degradación social e económica).

Especialmente doloroso é o “lavado de cara verde” na industria automobilística, que ten o seu principal fito no coche eléctrico, produto que segue sendo sumamente contaminante tanto polo seu proceso de fabricación (onde se segue usando petróleo e derivados para os compoñentes plásticos), como pola súa distribución, pola necesidade de aumentar a rede de enerxía eléctrica para a súa recarga o que provoca a instalación de máis torres e cables eléctricos, o problema da retirada das baterías, etc. Un despropósito que estará só ao alcance duns poucos que poderán pagar o rastro contaminador que o coche de marras vainos a deixar.

Volvendo ao sufrido cedro de Ourense, díxose sobre el que coidar destas árbores é unha demostración de cultura e sensibilidade, e que achegan unha función vital desde o punto de vista pedagóxico e ambiental. Do mesmo xeito deberiamos facer con todo o espazo natural que nos rodea, aprendendo a identificar as falsas mensaxes e políticas verdes con que nos bombardean e rexeitando con contundencia aquelas falsas promesas que só teñen como obxectivo o “lavado de cara verde”.

Óscar Blanco