A Biblioteca Municipal de Verín acolleu a sinatura oficial da doazón das obras e documentos de D. Eloy Luis André. Estiveron presentes no acto os seus netos, Úrsula Luis-André e Carlos Thiebaut, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo.
Dende o pasado mes de maio, a Biblioteca Municipal do Concello de Verín conta nos seus fondos coa obra de Eloy Luis André, ilustre doutor en Psicoloxía e Filosofía, doadas polos seus netos. En concreto, son preto de 200 obras (en varias edicións), revistas e xornais da época nos que as publicou. Ademais, no depósito figuran até medio centenar de carpetas que conteñen distintos escritos e materiais, como recortes de xornais, mapas e outros.
Toda a documentación de Eloy Luis André xa está sendo obxecto de custodia, conservación, estudo e análise documental por parte dos responsables da Biblioteca Municipal: Aurora Prieto e Vicente Rodríguez.
De xeito moi destacado, esta entidade conta coa inestimable e desinteresada participación do prestixioso investigador galego Xosé Ramón García Soto, Facultativo Psicólogo Especialista en Psicología Clínica do Equipo de Salud Mental Infanto-Juvenil de Burgos.
Tamén están a colaborar de xeito desinteresado Monika del Castillo e Rubén Couto na traducción dos distintos escritos orixinais en lingua alemá e transcrición dos mesmos. A súa participación, como coñecedores nesa materia resulta inestimable. Adicionalmente, Miguel Losada, Secretario da Sociedade Antropolóxica Galega e colaborador habitual desta biblioteca axuda na evolución dos traballos.
Probablemente, a figura de Eloy Luis André pasa moi desapercibida na comarca do Támega, sendo tan só relacionada co caso da coñecida como a “Variante André”: a vía férrea que debía comunicar as grandes e medianas vilas do sur de Galicia, co tecido económico do norte de Portugal e co resto da Península. Fronte a esta proposta deseñada e promovida por Eloy Luís André, a opción que no seu día impuxo o Ministerio de Fomento fai posible que, hoxe en día, o tren transite pola rochosa cerna do Macizo Central Galaico e lonxe dos núcleos de poboación.
Por todo isto, a Biblioteca do Concello de Verín realizou nestes meses un pequeno espazo web onde se achega, tanto a investigadores como a calquera outra persoa interesada, unha noción previa suficiente sobre quen foi o erudito Eloy Luis André. Tamén está dispoñible unha cronobibliografía básica para ampliar coñecementos ó respecto dentro da web: www.bibliotecadeverin.es
Gerardo Seoane quixo agradecer á familia de Luís André a importante doazón realizada xa que «supón unha gran achega para a nosa Biblioteca e unha valiosísima ampliación do patrimonio cultural da nosa vila que, sen dúbida, contribuirá á recuperación dunha parte fundamental da nosa memoria histórica».