Reabre as súas portas ao público.

Nova normalidade para o Museo Claustro Mercedario

O Museo Claustro Mercedario de Verín reabriu as súas portas. Dende xa, todas as súas exposicións poden ser visitadas de novo, sempre mantendo un cumprimento estrito da normativa vixente nos protocolos oficiais co fin de adecuarse á situación actual e protexer a saúde de visitantes e traballadores.

Para a súa apertura, o Museo elaborou unha serie de normas baseadas no protocolo polo que se establece o reinicio da actividade presencial dos arquivos, museos e bibliotecas de xestión da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e se establecen medidas preventivas fronte ao COVID-19, publicado no DOG nº 96 do 19 de maio de 2020. Un esforzo no que debe primar a responsabilidade, a seguridade e a firme intención de apostar pola cultura segura.

Para realizar visitas ao Museo Claustro Mercedario deberanse respectar todas as medidas habituais de distanciamento social, previa desinfección de mans e o uso obrigatorio da máscara en todo momento. O aforo queda limitado a un 50% e as visitas deberanse realizar de xeito individual (entendidas non como unha única persoa, senón como unha familia ou unha unidade de convivencia).
O Museo de Verín levaba pechado dende o comezo da situación de alarma sanitaria no país pero, pese a iso, a súa actividade continuou ao longo destes meses coa realización de diversas actividades encamiñadas a continuar coa súa labor divulgativa e o seu esforzo para a creación dunha identidade común na comarca de Verín. Destacan, entre outras, o deseño e instalación do panel interpretativo “As aves de Monterrei con nome propio” e diversas publicacións en redes sociais co obxectivo de dar a coñecer as pezas que compoñen a exposición A Lareira.

Dende o Museo piden responsabilidade aos visitantes e atención ás indicacións do persoal á vez que os animan a acudir ás instalacións sen medo e con total seguridade. O horario de visitas, como ven sendo habitual, será de mércores a sábado, de 11 a 14 e de 17 a 20 horas e domingos de 11.00 a 14.00 horas. Para calquera consulta, os usuarios poden contactar co museo a través da súa páxina de Facebook, do correo museodeverin@gmail.com ou ben chamando ao teléfono 617 963 905.