No CDR “O VISO” poñen de manifesto o rotundo compromiso coa infancia mediante a aposta por un tempo de lecer saudable, en contacto coa natureza e co patrimonio local e sempre desde o respecto ás necesidades propias. Tamén asumen a necesidade de dar solución ás familias que precisan conciliar a vida persoal, familiar e laboral. É por iso que este ano atípico están tendo lugar as seguintes actividades: Concilia de Verán no Concello de Vilar de Barrio e Ludoteca de Verán en Laza organizadas en colaboración con ámbolos dous concellos, ademais do noso propio Concilia de Verán, que tradicionalmente se leva a cabo en Lodoselo e que desta volta tivo que trasladarse ás instalacións do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia por precaución e para cumprimento das medidas hixiénicas e sanitarias de prevención da COVID-19.
Dadas as circunstancias xeradas pola crise sanitaria puideron ver como nenas e nenos padeceron e seguen a padecer as consecuencias socioemocionais do confinamento, polo que a nosa proposta de actividades vencelladas ó contorno, o medio rural e natural, ó patrimonio material e inmaterial… cobran este ano máis importancia, se cabe. Andainas, coñecemento e posta en valor do propio para afianzar o vencello á terra: Serra de San Mamede, Río Limia, Río Támega, fornos comunitarios, fontes e lavadoiros, cacipos, herbas e árbores autóctonas, paseos polas aldeas… e tendo sempre presente o xogo libre e o tempo propio para a conversa e a relación interpersoal que tanto cumpría.
No programa de conciliación participan un total de 70 nenas e nenos (que nalgúns casos varían cada quincena), traballan sete monitoras e monitores de tempo libre, cóntase con persoal en prácticas e con dúas persoas voluntarias. Séguense as recomendacións sanitarias fixadas pola Xunta de Galicia para garantir as medidas de prevención da COVID-19 e mantense a coordinación constante cos concellos de Laza e Vilar de Barrio no desenvolvemento das actividades.
Ademais contan co apoio dos concellos de Laza e Vilar de Barrio; tamén coa axuda concedida ó proxecto Concilia Rural a través da convocatoria para a realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7.
No CDR “O Viso” continúan traballando por un medio rural habitado e habitable no que a infancia teña un lugar e unha voz propia. É o seu compromiso.