O Concello de Ourense desenvolverá no mes de agosto a campaña ‘Móllate co Comercio‘, unha iniciativa que pretende axudar a dinamizar o pequeno comercio da cidade e darlle un incentivo aos cativos da cidade. Así, todos os martes e xoves haberá inchables e xogos acuáticos repartidos por todos os barrios, con acceso gratuíto con resgardos de compras superiores a 5 euros.
Esta campaña susténtase sobre tres realidades, en palabras da concelleira de Comercio, María del Mar F. Dibuja: “O pequeno comercio precisa da nosa axuda, os nenos foron os máis afectados durante a pandemia, e vivimos nunha cidade moi calorosa”. Busca a súa Concellería implicar a pais, nais e cativos: que saian xuntos a comprar, e que o fagan no pequeno comercio da cidade.
O parque do Barbaña, o xardín do Posío, A Ponte, A Farixa, Santa Teresita, o Campus universitario das Lagoas, Barrocás e Os Remedios son as zonas nas que se emprazarán estes inchables e xogos acuáticos. Será en horario de tarde todos os martes e xoves do mes de agosto.
Carlos López, da empresa Saudeter -encargada de levar a cabo as actividades-, asegurou que se tomarán todas as medidas de seguridade para crear contornas seguras: os grupos serán de 15 rapaces máximo, e ademais das medidas recomendadas, nós engadiremos máis para garantir a seguridade de todos os participantes”. Os menores de 14 anos, en calquera caso, deberán ir acompañados dun adulto.
Logo da presentación da campaña, a concelleira dirixiuse a todas as asociacións de comercio da cidade para explicarlles a iniciativa a para animalas a participar e a divulgala.