Desculpen os nosos lectores se pensan que esta columna non ten que ver co Decrecemento, parecendo máis unha crítica audiovisual, pero penso que era necesario dedicarlle este humilde espazo a esta serie que se está a converter nun fenómeno nas redes sociais.
A serie francesa “L’Effondrement” (2019), titulada en castelán como “El Colapso” é unha atractiva proposta que entra de cheo nun dos eixos do discurso decrecentista: o colapso, entendido este non como un evento puntual individualizado senón como a constatación da degradación do noso entorno socio económico, que xa comezou fai tempo a pesar de que o coronavirus acelerou e puxo agora no obxectivo dos medios masivos moitas das súas problemáticas.
A serie consta de oito episodios de fácil consumo, os mais longos a duras penas chegan aos 18 minutos, suficientes para desacougar ao espectador inquedo.
Cada episodio vai sucedendo unha vez acontecido ese colapso que, no caso da serie, si que é algo puntual, aínda que non se termina de definir o que é. Este feito non lle resta nin un ápice de credibilidade a este interesante produto audiovisual. As historias de cada episodio son independentes pero se un está atento pode ir atopando pequenos datos que conectan a toda a serie entre si.
Persoalmente, os episodios primeiro e segundo parécenme os máis próximos á xente, e que reflicten as situacións máis comúns nas que a sufrida clase media dun pais desenvolvido coma o noso podería atoparse nun futuro próximo. Non hai datas nesta serie, pero se un segue a corrente decrecentista poderá augurar algunha situación semellante en unha ou dúas décadas como máximo. Pode que sexa moito tempo, pero é unha migalla para unha sociedade mastodóntica que vai caer con todo o seu peso sobre a cidadanía.
A partir do terceiro episodio, a ficción vai gañando peso e pode que as súas tramas pequen un pouco de fantasiosas en certos momentos, pero as mensaxes subliminais que transmiten están aí: a imposibilidade dun desenvolvemento sostible, a fuxida das cidades, o refuxio no rural (pode que pola forza), a desconexión actual cos traballos primarios e manuais, a “bunkerización” das elites, o ecofascismo, a lei do máis forte, a cegueira dos políticos pasados, presentes e futuros, a barbarie…
Oxalá todos fixeramos como o episodio catro, e estivesemos xa traballando en crear comunidades refuxio, solidarias, cooperativas, pero seguimos coas nosas abafantes teimas de mascariñas si ou non, de esixir terrazas e bares abertos, de mirar cada un polo seu. A verdade é que imos directos cara o colapso, con serie ou sen ela.
Óscar Blanco