A Concellería de Infraestruturas do Concello de Ourense inicia as obras de acondicionamento do firme da rúa de Francisco de Moure, un dos principais viais do barrio do Couto, que se estende desde a avenida de Portugal, á altura da praza do Couto até a rúa de Faustino Santalices.
Os traballos consistirán no fresado e a reposición da capa de firme, que se fai necesaria dado o seu estado de esgotamento actual. Posteriormente pintarase toda a vía. Este mércores realizase a sinalización da zona e o xoves comece o fresado e a reposición. Os traballos de acondicionamento de firme rematarán previsiblemente o luns, 31 de agosto quedando pendente, unicamente, o pintado da vía.
En canto ao tráfico, a execución desta obra fará necesario inhabilitar os aparcamentos da vía durante o xoves, o venres e o luns. Tamén será preciso restrinxir durante estes días o paso de vehículos nun dos sentidos de circulación desviando o tráfico polas rúas adxacentes. Concretamente, mentres se realicen as obras, os vehículos poderán circular en sentido á Praza do Couto, pero non no contrario.
As obras suporán un investimento de 48.392,80 euros por parte do Concello, e forman parte das actuacións de mellora e acondicionamento de firme que a Concellería de Infraestruturas desenvolve ao longo do ano naquelas rúas que o precisan.