A Xunta de Galicia vén de adxudicar a restauración da Torre da Fírbeda ou da Forxa, na Porqueira, por un importe de máis de 71.000 euros que serán cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80 %), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Trátase dunha intervención que permitirá poñer en valor este elemento declarado Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, que forma parte da rede defensiva da Limia xunto coa Torre da Pena, en Xinzo de Limia, a Torre de Ceme, en Rairiz de Veiga, e a Torre de Sandías, cuxa restauración foi adxudicada hai só unhas semanas.
Os traballos que se porán en marcha, e que contan cun prazo de execución previsto de tres meses, teñen como finalidade avaliar as posibles deficiencias, corrixir as patoloxías existentes e mellorar o estado de conservación deste importante elemento do patrimonio histórico da nosa Comunidade. Concretamente, centraranse na situación actual da cuberta, da carpintería e das instalacións onde é preciso intervir co obxectivo conservar a súa aparencia orixinal do século XII.
Deste xeito, logo de avaliar as deficiencias e considerar as patoloxías existentes, desmontarase e eliminarase a carpintería metálica da cuberta e das tellas e placas para instalar un illamento térmico e cubrir con nova tella de cerámica. Ademais, debido a que a carpintería actual non impide a entrada de auga, cómpre crear unha nova carpintería de madeira que evite o deterioro dos elementos interiores. Os traballos inclúen tamén a substitución do pararraios existente e a instalación dun proxector con tecnoloxía LED.
A Torre da Fírbeda foi construída nos séculos XI e XII co obxectivo de impedir os intentos de invasión procedentes de Portugal e controlar a lagoa da Antela. Xunto co resto das torres da rede defensiva, esta edificación foi testemuña de acontecementos históricos diversos e resultan imprescindibles para coñecer e estudiar o pasado da nosa Comunidade.