Baixo o lema “Celebremos Nós”, o vindeiro sábado 19, volve a festa histórica A Bela Auria, que vén a homenaxear o esplendor cultural de Ourense nos anos vinte do século pasado. Os Xardíns do Bispo Cesáreo serán o epicentro das actividades. O acceso ao recinto será libre con control de aforo, e será preciso reservar entradas para as actividades concretas do programa. Namentres haxa aforo dispoñible, estarán abertas até unha hora antes de cada actividade.
Ademais, a festa é inclusiva, e en varias actividades haberá intérprete de signos. En solidariedade coa Asociación de Persoas Xordas de Ourense -APSOU-, haberá sitios reservados nas primeiras filas para facilitar a visibilidade da intérprete. Os animais son benvidos, incluso terán un recuncho no que retratarse.
Protocolo COVID
Para un óptimo desenvolvemento da festividade, será necesario chegar ao espazo de cada actividade cunha antelación mínima de 20 minutos, para facilitar a entrada graduada. En caso contrario, o asento reservado non estará garantido.
Actividades que precisan reserva de entrada en abelaauria.eventbrite.es.
11h Visita guiada: NÓS e Blanco Amor | A Bela Auria
Unha visita guiada pola obra literaria do xenio ourensán Eduardo Blanco Amor.
Comentarase pasaxes das súas obras «A Esmorga» e «La Catedral y el Niño», xunto a momentos claves da súa vida, e falaremos da súa relación cos outros intelectuais de Auria para axudarnos a comprender a súa obra.
12h Circanelo. (Novo circo. Compañía Fredi e Cía.)
Circanelo é teatro xestual, danza e acrobacia; é espontaneidade, sorpresa e diversión; entusiasmo tenrura e enxeño. É un personaxe de varios recursos que combina diferentes disciplinas tuteladas por un marcado rexistro de clown para crear unha historia absurda sobre un artista coa intención de presentar o seu espectáculo, custe o que custe.
12.40h O Nubinete e o paraugas Dameaugas. Sesión de contacontos con Anxo Moure
O Nubinete do paraugas Dameaugas chega á Bela Auria nunha homenaxe á infancia, á diversión, aos parques, aos patinetes e a D. Juan de la Coba, co seu invento máxico do paraugas universal!!
Preparados, listos, xa… despegamos acompañados por unha intérprete para lingua de signos. Anímate a voar!
13.15h Obradoiro de Lindy Hop
Queres aprender as bases do baile swing máis popular?
O lindy hop é un baile nado entre a comunidade afroamericana de Harlem, en Nova Iork, asociado á música swing das big bands daquela. Sería o que chamaríamos popularmente o «rock and roll dos negros». É un baile dinámico, divertido, desenfadado pero tamén elegante e moi identificado cos tolos anos 20. Anímaste a probar? Anótate e a mover o esqueleto na Bela Auria!
13.30h Sesión vermú: The Swinging Flamingos
A enerxía vibrante da era do swing mestúrase con elegancia en The Swinging Flamingos, que buscan transferir a esencia das grandes bandas norteamericanas.
Déixate levar e goza dun espectáculo cheo de enerxía, swing e bo humor, que che fará esquecer todos os males.
17.30h Escape Room: O misterio das linguas de NÓS
Aventura en familia: Axuda a esclarecer o roubo da revista Nós!
Alguén roubou o primeiro número da revista NÓS a noite anterior ao día que ía ser levada á imprenta!!
O roubo foi na casa de Vicente Risco, e o propio Risco atopou unha nota firmada polo ladrón co pseudónimo «O Trasno da Vila». Risco chamou á Garda Civil para denunciar os feitos e activar a operación de búsqueda e rescate do número roubado.
Agora a Garda Civil require da colaboración cidadá para dar co «Trasno da Vila» e recuperar o número 1 da revista Nós.
Apúntate! Fai as túas pesquisas, bota unha man á autoridade!
18h Nós, as mulleres. Roteiro teatralizado
Alá polo 1933, vendo a situación no seu país, Alemaña, Margot non cre que poida volver á terra que a acolleu cos brazos abertos, a súa Galicia querida.
Nunha última escapada para reencontrarse coas letras, coa fala e cos agarimos dos seus colegas de NÓS, Francisca crúzase no seu camiño e aínda que non se coñecían, descobren no seu percorrido o que as une, as letras e o amor á terra.
18h Obradoiro de esgrima antiga
Os amigos da Asociación Ourensá de Esgrima Antiga súmanse de novo á Bela Auria cunha demostración de técnica de combate con espada e broquel, espada rapieira, rapieira e daga e, se a cousa se anima, sable de duelo e espada de man e media.
Achegarannos tamén a oportunidade de poder ser nós mesmas quen practiquemos esta antiga e nobre tradición. Nenos e nenas, e tamén persoas maiores teremos a posibilidade de facer asaltos cos monitores das actividades. Anótate!
18h Acto poético central
Acto central da Bela Auria, no salón nobre do Liceo.
Participan:
Carmen Conde. É licenciada en Filoloxía Hispánica pola USC, e diplomada en Dramaturxia pola ENERC (Bos Aires). Actriz, humorista e guionista, proclamouse gañadora da final compostelá do primeiro Slam Poetry Compostela.
Miguel Ángel Sampedro Terrón presenta un recitado poético en directo en Lingua de Signos, que segue acompañado de español falado. Recita varios dos seus propios poemas e pode incluso incluír algúns outros de poetas famosos.
Mantedor: O limiao Alexandre Folgoso será o mantedor do acto. É un artista visual e filólogo especializado en estudos literarios. Na súa obra explora a relación entre fotografía e motivo poético, reinterpretando elementos da tradición cultural galega desde un prisma contemporáneo. Na actualidade traballa no que será o seu primeiro fotopoemario.
1915h Carmen Conde: Tabú. -Narración oral-
Narración oral baseada nas intimidades das nosas devanceiras.
Tabú é o novo espectáculo de Carmen Conde, nado froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto, sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude.
Un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú.
Un tendal para poñer ó clareo todas as intimidades.
21.45 Cinema musicado: A quimera do ouro
O antigo cinema clásico. A QUIMERA DO OURO. Unha das obras mestras do cinema de Chaplin.
«A quimera do ouro» é unha película de comedia muda estadounidense de 1925; escrita, dirixida, producida e protagonizada por Charles Chaplin. É considerada unha das súas obras máis famosas e el mesmo declarou varias veces que era a película pola que máis quería ser recordado.
Verase musicada en directo ao piano.
23.30h Concerto Marian Ledesma & Tinaquero Brothers
Con máis de 20 anos de experiencia nos escenarios, Marian Ledesma, volve a ela na compaña dos irmáns Tinaquero: Juan (contrabaixo) e Luis (guitarra), figuras indispensables da escena Blues en Galicia.
Traen eses blues clásicos, dos que Robert Johnson, Ma Rainey, Bessie Smith, Elisabeth Cotten, Etta James e incluso Billie Holliday nos deixaron como legado para a nosa bagaxe musical e cultural. Coa voz persoal de Marian Ledesma, imos viaxar por Mississippi, Chicago ou Nova Orleans.