A Corporación municipal aprobou en pleno, e por unanimidade, o apoio incondicional ás demandas dos centros educativos da vila. A moción, conxunta e urxente, foi aprobada cos votos das concelleiras e concelleiros das 5 formacións que a forman: PP, PSOE, AXIL, BNG, XA e C´s.
O acordo inclúe tamén a petición á Xunta de Galicia de dotación económica para atender os gastos extraordinarios ocasionados ao Concello neste inicio de curso en materia de desinfección, limpeza e mantemento, así como os recursos adicionais para que os servizos de transporte, comedor e conciliación familiar sexan prestados con todas as garantías de seguridade.
Estes son os acordos:
1. Apoiar en todas as súas demandas ao equipo directivo do IES CIDADE DE ANTIOQUÍA diante da Inspección Educativa e diante da Consellería de Educación, nomeadamente a solicitude de dotación de tres prazas de docentes para poder iniciar o curso cunhas mínimas garantías de seguridade e saúde, tal como se pide no informe elaborado polo equipo directivo do centro.
2. Esixir da Consellería de Educación que atenda as necesidades de profesorado no CEIP ROSALÍA DE CASTRO, que lle foron demandadas mediante acordo da Xunta de Portavoces deste Concello en data recente.
3. Solicitar da Xunta de Galicia dotación económica para atender os gastos extraordinarios ocasionados a este Concello por causa da pandemia, en persoal para tarefas de desinfección, limpeza, mantemento das infraestruturas para os catro centros de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, así como para o Conservatorio de Grao Profesional.
4. Esixir da Consellería a dotación de todos os recursos adicionais precisos para que os servizos de transporte, comedor e conciliación familiar poidan ser prestados con todas as garantías de seguridade.
5. Dar traslado deste acordo ao Presidente da Xunta, á Consellería de Educación, á FEGAMP e ao Concello de Porqueira.