Na vicepresidencia segunda da Deputación.

Baltar cesa a Ojea e nomena a Caride

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou o decreto de cese do deputado Armando Ojea como vicepresidente segundo da institución provincial “por perda de confianza”, nomeando no seu lugar ao deputado Miguel Caride. Baltar valora que despois das ausencias de Armando Ojea “nas últimas xuntas de goberno e, fundamentalmente, logo do voto en contra dos orzamentos o pasado venres, 25 de setembro, reuninme co voceiro do grupo político de Democracia Ourensana na Deputación para facerlle ver que esa perda de confianza levaba consigo o cese de Armando Ojea como vicepresidente segundo da institución”. Neste sentido, o presidente do goberno provincial expresoulle a Caride que o pacto de goberno “está absolutamente vixente nesta institución”, e que “corresponde ao grupo de Democracia Ourensana propoñer outro nome para ese cargo”, neste caso, “o deputado de Democracia Ourensana José Miguel Caride, quen desde hoxe nomeei vicepresidente segundo e incorporei á Xunta de Goberno da Deputación de Ourense”, explicou Manuel Baltar.

Caride
Miguel Caride e os concelleiros díscolos de Democracia Ourensa mandaron un comunicado ao respecto deste nomeamento no que avisa que este cargo será exercido «con carácter provisional» mentres non se solucione a crise de goberno «na que está sumido o Concello de Ourense».
Ademais, insiste en que dada a provisionalide desta situación Caride «renuncua expresamente a percibir a asignación económica establecida polas bases de execución presupostaria coa que está dotado o cargo», co fin de deixar clara a intencionalidade de «manter a ética e a transparencia».
Tamén aseguran que a prioridade deste grupo de concelleiros é o de «devolver a estabilidade política e a gobernabilidade no concello», polo que queren manter a «lealdade e compromiso cos pactos suscritos en xuño de 2019».
Para rematar, fan un chamamento ás forzas políticas do concello para que teñan «altura de miras» para solventar «esta crise».