O Concello de Xinzo pídelle a todos os clubs deportivos do municipio que se absteñan de inscribirse en competicións, permitíndolle utilizar as instalacións deportivas municipais para a realización de adestramentos, pero en ningún caso para a participación en competicións.
A decisión, adoitada polo concelleiro de Deportes de Xinzo, Rafa Penabad, e os técnicos deportivos durante unha reunión con directivos e responsables deportivos das distintas especialidades e modalidades, pretende acadar a máxima protección fronte ao Covid-19 limitando ao máximo a mobilidade á que obrigan as competicións, con desprazamentos cada fin de semana.
Nesta mesma reunión, transmitiuse aos responsables dos clubs, que ante a nova onda de contaxios en distintas localidades, os equipos e clubs locais deben absterse de inscribirse nas competicións das diversas modalidades e categorías, si ben poderán facer uso das instalacións deportivas municipais so para adestramentos.
“Debemos poñer as instalacións ao dispor dos clubs, para o exercicio do deporte, ofrecendo ás familias espazos seguros ou saudables e colaborando tamén na conciliación familiar. Pero igualmente debemos pedir tamén ás familias a comprensión necesaria ante a decisión de que os clubs de Xinzo non se inscriban en ningún tipo de competición, para evitar os desprazamentos, tanto de entrada como de saída. Evitar a mobilidade é unha máxima nas recomendacións sanitarias que debemos respectar agora máis que nunca”, sosteñen os técnicos deportivos.
En paralelo, o Concello considera imprescindible “adiantarse aos acontecementos e dispor de todos os protocolos específicos de cada deporte, así como dos protocolos de uso de cada instalación, con delimitacións de aforo e respectando en todo momento as limitacións e restricións que impón a norma sanitaria”, explica Rafa Penabad.
Con esta decisión, o Concello de Xinzo pretende garantir a todos os deportistas locais a práctica habitual de deporte, pero sen competicións para evitar que se teñan que desprazar a outras localidades ou que teñan que facelo deportistas doutras localidades a Xinzo, reducindo así o risco de contaxios.
“A seguridade e a saúde están por enriba das competicións”, sentencia o concelleiro de Deportes, que confía en que as nais e país dos rapaces rexistrados nos clubs de Xinzo saiban entender e comprender a decisión.
Esta decisión afecta a uns 500 rapaces e rapazas do municipio, que poderán adestrar e incluso utilizar as instalación municipais para facelo, pero en ningún caso competir para evitar así os desprazamentos a outros concellos e de rapaces e rapazas de outros concellos a Xinzo.