Nestes tempos estraños que nos está tocando vivir, a limitación das nosas liberdades estase a converter nun tema monográfico no noso día a día. Estados de alarma, toques de queda, confinamentos e outros termos coláronse nas nosas rutinas impoñéndolles modificacións case que diarias que xeran moita incerteza na cidadanía. Todo en base a unha suposta defensa da nosa saúde individual e colectiva.
Non serei eu que poña en dúbida esas medidas, de feito, desde estas liñas desexo e agardo que nos tomemos todos moi en serio as indicacións sanitarias e que axudemos a parar esta vaga de infeccións.
O que si quixera destacar é que existen outros procesos limitadores dunha das nosas liberdades mais prezadas, a liberdade de movemento. Procesos limitadores que, aínda que o pareza, non teñen a súa orixe nos estragos sociais e económicos que está a causar o raio do Coronavirus, senón na escaseza de recursos e enerxía que pouco a pouco está a filtrarse en todas as capas da sociedade.
É certo que a delicada situación económica provocada polo virus impulsa este proceso limitador pero non se debe perder o enfoque de que cada vez é mais complexo manter os niveis pasados dos servizos públicos e privados tanto polo alto custe dos recursos necesarios como pola cada vez mais cara obtención de enerxía para activar aqueles servizos.
Varios exemplos que se poden comprobar na prensa destes días: A compañía aérea alemá Lufthansa recomendou aos alumnos da súa escola de formación de pilotos que se busquen outro emprego e deixen a escola porque vai recortar 22.000 postos de traballo e reducir a súa frota en máis de 100 avións. Os aeroportos galegos perden 2/3 dos seus viaxeiros e para manter un mínimo de servizos, chégase á envelenada situación de que se paguen con cartos públicos os poucos voos que saian dos nosos paupérrimos aeroportos, así o Concello da Coruña pagara 150.000 € a Iberia para que siga voando entre Madrid e A Coruña.
O tren tampouco se salva da queima: Pérdense conexións e frecuencias entre Vigo e Madrid, A Coruña e Ourense, Santiago e A Coruña, etc. Xa non é soportable que se despracen trens case baleiros e péchanse con absoluto descaro. Xa nin se esforzan no discurso. E agardemos que os vagóns parados non rematen no fondo dos nosos ríos!
E os coches? Existen análises que defenden o pagamento polo uso de todo tipo de estradas. Pronto, as limitacións enerxéticas farán que os coches 100% eléctricos sexan unha “rara avis” que so poidan permitirse uns poucos; as “electrolineiras” tardan moito máis en recargar unha batería que o que se tarda hoxe en encher un depósito de gasoil, así que as viaxes levarán por forza maior tempo. Toca armarse de paciencia.
Escoitei nunha ocasión que na idade media o radio de acción dunha persoa durante toda a súa vida era de 50 km desde o seu lugar de nacemento, 80 km se tiña burro ou cabalo. Reflexionen sobre os seus desprazamentos feitos no pasado e imaxinen como serán no futuro. Viaxarán máis lonxe? Viaxarán con máis frecuencia? Ou quedarán no seu entorno máis próximo?