O galo canta, e cando o galo canta xa é día. As herbas molladas co orballo da noite, refrescan as sensacións, daquela mañá de inverno no labirinto da “Marbana». Sabores e aromas do Brasil, México, Venezuela. A esquecida América! Tan cerquiña e tan lonxe.
Lembrei a Celso Emilio Ferreiro, “Longa noite de pedra”. Desta vez a lírica, destilaba ferro e soldadura. “Longa noite, de muxicas embruxadas”. Alí estaba el, espido no torso, coma un gladiador na area.
Na atmosfera, flotaban os trasgos de San Cosmede, o da Ribeira Sacra. O espírito de “Melchor”, artesán con nome de mago e rei, pululaba no ambiente, e a sinerxía daquel Verín gris, pero auténtico, como diría X. Noguerol, rezumaba polos recunchos.
Xosé Rivada, artista de Verín, criado na rúa Travesa, berce dos máis ferventes artistas desta terra. Neno rebelde por natureza impropia, dun tempo ancorado mais aló das lembranzas. Foi aquí, rodeado das persoas boas do barrio vello, onde seguramente recolleu a herdanza infinita da sensibilidade e do temperamento artístico, que marcan as súas obras.
Están expostas no mundo. Inmensas esculturas de pedra e ferro, escultopinturas e pezas pequenas nacen da inconfundible vitalidade dun artista con raza. So, a bohemía de Rivada, pode falar cos materiais que utiliza. Un diálogo permanente do creador coa materia, que a base da máis refinada intimidade conceptual, transforma a delicada poesía que xurde na súa mente, en ruda e fermosa prosa.
A música, sempre presente na creatividade dos seus traballos, representada en forma de instrumentos, non podían faltar xamais, para conseguir que a danza do indomable cigarrón sexa eterna, así como os peixes transxénicos do Támega, peixes únicos do seu universo persoal, que é unha obsesión permanente, como a escravitude que o encadea, a unha esaxerada tendencia, a buscar na beleza feminina, o camiño da súa inspiración.
Exposicións, certames, recoñecementos internacionais e varios premios, viaxan agora na mesma mochila coa que daquela, deixou Verín no 69, cando liscou en busca da musa Cibeles que lle prometera a curto prazo a verdadeira felicidade.
Agora témolo aquí, ao noso carón. Bohemio, sibarita e afable, un home comprometido e solidario.
As veces, cando nos xuntamos, nalgún bar canalla, falamos do que nos seduce, saboreando un tinto de Monterrei, e de forma sinxela, soñamos coas cousas que nos gustaría ver na nosa vila, e que aínda non xurdiron.
Cando conversamos, venme a sensación de estar de novo con “Máxico Gonzalez”, aquel xenio do balón que tiven a sorte de coñecer e gozar na miña xuventude.
É polo que, sen deixar a lembranza do meu tempo no sur, Xosé Rivada, transita polo mundo co mesmo cantar dos compoñentes dun club xenuíno, “A Chusma selecta” como dicía, Aragón poeta gaditano.
Non hai nada de xenerosidade nin de ética, niso que algúns chaman o feito de escribir: deses refuxios quero fuxir. Escribo para baleirarme do que me sobra, para ser máis exactos escribo baleirándome.
Con este anaco de poema do noso amigo Antonino Nieto, quero rematar este escrito que tiña agochado hai tempo, era unha débeda pendente con Xosé Rivada, amigo, artista infinito, doutrina realista da humildade.
Miguel A. Prieto “Chitín”