Coorganizada xunto ao Clúster da Comunicación de Galicia, esta actividade celebrarase o venres 20 de novembro e poderá seguirse de xeito online e gratuíto.

Expourense organiza un Foro da Comunicación que analiza os retos da comunicación corporativa na “nova normalidade”

Analizar os cambios que a pandemia está provocando no xeito de comunicar e abordar os retos da comunicación corporativa en tempos de crise. Estes serán os obxectivos principais do Foro da Comunicación de Galicia que Expourense, coa colaboración do Clúster da Comunicación de Galicia, organiza para este venres 20 de novembro pola mañá. Trátase dunha actividade que se poderá seguir en liña a través da plataforma dixital Zoom, aínda que Expourense ofrece tamén a posibilidade de seguilo a través do equipamiento audiovisual das súas instalacións. A inscrición, de carácter gratuíto, pode realizarse a través de www.expourense.org.

A denominada “nova normalidade” trae consigo cambios nas estratexias informativas de empresas e institucións que tiveron que adaptar os seus plans de marketing e de comunicación á situación actual. Este Foro inclúe dúas clases maxistrais nas que dous recoñecidos relatores explicarán polo miúdo e dende a súa experiencia como profesionais, cómo a pandemia ten influído no seu traballo diario. O presidente do Clúster da Comunicación de Galicia e da Asociación Galega de Marketing – Markea, Xosé Luis Reza, explicará cómo adaptar un Plan de Marketing ao contexto COVID-19. Pola súa parte a directora da Marketing e Comunicación Dixital da Consultora Torres y Carrera, Laura Vázquez, abordará a evolución da comunicación corporativa dende o comezo da crise ata o momento actual.

Este Foro da Comunicación inclúe ademais unha mesa redonda que aborda conceptos como a “infodemia” (termo que alude ao exceso de información sobre a pandemia) e cómo esta ten afectado ás relacións informativas entre institucións, empresas, gabinetes e medios de comunicación. Contará coa participación de Myriam Sierra e Carlos Bermello, responsables do Servizo de Comunicación da Área Sanitaria do Complexo Hospitalario de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, que contarán cómo viviron os momentos máis duros da pandemia e cál foi a súa relación cos medios de comunicación. Representanto ás empresas e aos xestores de medios, participa tamén nesta mesa o director de Desenvolvemento Estratéxico en Avante Evolumedia, Álvaro Brandau, que falará sobre cómo as empresas tiveron que cambiar as súas campañas para poder empatizar con clientes e usuarios. O último dos relatores desta mesa de debate será o representante da demarcación de Ourense do Colexio de Xornalistas de Galicia, Javier Fraiz, quen abordará os cambios que a pandemia conlevou para este sector a nivel laboral, pero tamén persoal.

Esta conta co apoio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense. O Foro virtual e especial deste venres centrado na comunicación en tempos de incertidume está adaptado ás circunstancias restrictivas actuais. Está previsto que o vindeiro mes de febreiro se celebre unha nova edición do Foro da Comunicación de Galicia, xa de carácter presencial, e que tería lugar na mesma xornada que a Gala de entrega dos Premios Paraugas do Marketing e da Comunicación de Galicia.