A sociedade de consumo na que estamos mergullados case todos chega a cotas de paroxismo nalgúns momentos en concreto. O Black Friday ou Venres Negro é un deles e, ademais, é o inicio da época máis consumista do ano: as festas de Nadal.
O Venres Negro é relativamente recente para min. Do mesmo xeito que o “Halloween” (Samaín lle din aquí) é unha cousa importada que cada vez vexo mais acomodada nas nosas rúas. Nunca me chamou moito a atención sobre todo porque xa me pilla nunha idade no que tento escapar das multitudes dos centros comerciais ou de calquera outro tipo. Pero é certo que sempre gocei do Nadal, a chegada dos agasallos, as paparotas familiares,… foron parte da miña vida. Agora, cos anos, a lectura e a observación do entorno, e unha vez que as pegoñentas teorías do Decrecemento me foron envolvendo, cústame moito entender ese Nadal plástico e sobredimensionado, cheo de luceciñas estresantes que só queren que fundas a túa tarxeta de crédito.
Lembro que o ano pasado, o mesmo día do Venres Negro do 2019, eu estaba na Coruña, asistindo a unha charla de Grian A. Cutanda, unha das primeiras persoas en iniciar o movemento “Extinción / Rebelión” en España. Un home amable, tranquilo e experimentado con moitas cousas que contar. Fun con certa présa porque non quería quedar sen sitio. A miña sorpresa chegou ao ver que alí eramos sete persoas. Grian estaba a facer unha xira por toda España e na Coruña so logrou xuntar a sete persoas! Lembro que comentei este feito co interesado e que quería por en contraste que, ao mesmo tempo daquela charla, milleiros de persoas apiñábanse no que é actualmente o centro comercial máis grande de Galicia, onde se producían situacións aberrantes como que a policía tivera que entrar no aparcadoiro para regular o tráfico que impedía que algúns vehículos puidesen saír da súa praza.
O Venres Negro ateigou os comercios e encheu as caixas rexistradoras no pasado 2019 e todas as estatísticas indican que este 2020, a pesares da enorme crise que nos abafa, ocorrerá algo semellante.
Entendo que moitas familias dependen desa fonte de ingresos para mellorar as contas dun escuro ano 2020. Entendo que o Nadal é para moitos a salvación da tempada comercial ou, canto menos, a mitigación da crise económica. Nada que criticar. Todos formamos parte deste sistema que vai rachando aos poucos. Eu mesmo, cando non teño opción, collo o coche, fago algunha compra ou gozo dalgún vicio. Pero o que me gustaría coa columna de hoxe é que cando estean no medio do comercio, cando fagan cola para comprar aquel agasallo, miren ao seu carón e búsquenlle o senso a todo isto. Cando as luces dos escaparates atrapen a súa atención, reflexionen sobre quen compra a quen.
E volvan á casa con esa idea semente de que este ritual é insostible, que a nosa sociedade “consúmese” no consumo, e decátense que ese Venres Negro leva consigo unha sombra moi negra.
Óscar Blanco