Aquel día, deume por abrir o caixón da melancolía, onde meu pai, agochaba recortes de xornais vellos. Había varios anacos xa comidos polo tempo. A foto de catro rapaces con instrumentos, foi un reclamo para min. As lembranzas, non moi nítidas, de cando neno, mais algunha que outra anécdota que aínda teño gravada no maxín, leváronme por un intre ao paraíso, que non era outro máis que o barrio vello, na rúa da Cruz, arteria principal daquel Verín de antano, onde o comercio destilaba abundancia e algarabía. Foi aquí, o escenario inmutábel dun romanticismo puro, alimentado polas historias de amor mais fermosas dun tempo inesquecible. Daquela, as serenatas, eran unha mensaxe directa ao corazón.
As mozas namoradas, agardaban pacientes que xurdira o embruxo, a maxia, que manaba daquelas íntimas voces, afinadas cunha sincronización extraordinaria. As letras contundentes de boleros entrañables, que interpretadas con refinado gusto, facían estremecer a calquera. Lorenzo, vocalista cunha voz doce, que doadamente penetraba no máis fondo da alma, guiaba os compañeiros nunha interpretación melódica reconfortante, que o compás de guitarras e acordeón, facían que o ceo, estivera máis preto. Eles eran, “Los Nocturnos”, Chelis, Poncho, Casiano e Lorenzo, catro rapaces, cómplices das noites de amor xamais contadas. Foi un martes de Entroido de 1955, cando Casiano, Xosé Luís, e Poncho, percorren as rúas da vila, animando un carnaval prohibido e agochado. Aquela tarde, recolleron o agradecemento dos veciños, e animáronse para formar un grupo e seguir facendo o que máis lle gustaba, cantar.
Daquela, buscaron a Lorenzo como solista, completando así, o mítico cuarteto, que durante anos amenizaron festas e veladas dun tempo fuxido, que seguramente, aínda estará na retina de moitos. Sempre escoitei falar dos Nocturnos na miña casa. Coñecín a todos os compoñentes, mais non cheguei a tempo para poder escoitalos xuntos, pero si, algunha vez, no bar do Lorenzo, desfrutei da súa voz inconfundible, cando naquel tempo, cantar na taberna, era obrigatorio.
Estes días, quixen cumprir algo que tiña pendente, polo que, sen deixar que o caprichoso e fugaz tempo, me roubara a oportunidade, non esperei máis e conseguín xuntar por unhas horas, as dúas lendas vivas dos Nocturnos, Poncho Moreiras e Casiano, que con 91 e 86 anos, aínda tiveron folgos para agasallarnos con momentos que dificilmente esqueceremos. O carón do Hotel Dos Hermanas en Verín, está o palacete de Laura. Dentro, nun salón acolledor, esperan a nosa chegada. Horas antes, o Mestre Miro, deixou todo, e aceptou acompañarme coa súa melodía. Casiano e Amparo, xunto con Laura, nosa cómplice e o seu marido Poncho, esperan pacientes. O acordeón de Mirito soa con dozura, o tempo que entramos polo corredor da casa cantando “Volver volver”. Entre bagoas e aplausos, comezamos o faladoiro embargados de emoción, un intre máxico, que con verbas non podo reflectir o acontecido. Iniciamos a conversa, que axiña fixo aumentar a nosa curiosidade por saber algo mais da sua historia, e as preguntas xurdiron unha tras da outra. Fixeron actuacións multitudinarias como a do Xardín do Posío en Ourense, acompañando o mítico grupo os “Galindos”, ante mais de 2.000 persoas, participaron con éxito nos teatros organizados pola inesquecible Marita Oterino, no cine Buenos Aires, así como as serenatas coas que agasallaron os amigos, no bar Deportivo do señor Pepe, na taberna de Lorenzo na rúa do pozo, e sobre todo, baixo a luz da lúa, pola vila, agardando que se abriran as fiestras, que tantas veces escoitaron as súas fermosas voces. De súpeto o mestre Miro despregou de novo o fol do acordeón, facendo soar as notas de “Por el camino verde” que suavemente, e sen ensaio previo interpretamos emocionados, e que provocou un acto inesperado.
Poncho, que parecía estar ausente, levantou a mirada, e sorprendentemente erguéndose da cadeira, dirixiuse cara min, sinalando unha foto do grupo, pegada na parede. Con voz tenue soltoume.., isto foi o 31 de decembro de 1959, o baile de fin de ano no Casino de Chaves,.. unha noite marabillosa. Despois, contaron mais anécdotas entrañables, pero sobre todo, xurdiu de súpeto o romanticismo de antano, e no centro do salón, foron quen de bailar coas súas donas apaixonadamente, como querendo recuperar, aqueles bailes que non puideron gozar, mentres eles estiveron no escenario.
Lembrámonos moito de Chelis e Lorenzo, que a pesares de deixarnos moi cedo, sempre estarán no corazón dos nocturnos e de todos nos. Lembranzas que van de pais a fillos, mais aló do tempo. Os nocturnos, auténticos ídolos dunha época dourada. Cómplices, de amores consumados e do viño tomado por amor, tal vez para esquecer a musa que escoita agochada na fiestra e non se deixa ver. Con estas letras, quero facer homenaxe merecido, os acordes afinados, destes homes ceibes, que se fixeron fortes cantando, enchéndose de vida coas lembranzas, e aclamando de forma sinxela, o seu deus espiritual, a musica. Quixera adicar este escrito, a todos aqueles, que dalgunha maneira, namoráronse escoitando as súas cancións, a todos os amigos do grupo, os da terra e os do ceo; e tamén, os que a pesares do tempo, xamais esqueceron a luz brillante dos “Nocturnos”, sen lugar a dubidas, os últimos románticos.
Unha aperta!
Miguel A. Prieto “Chitín”